Nova Ardentía, a revista da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (CULTURMAR) acaba de botar a navegar un novo número, o 18, que leva por título Coa rosa dos ventos no corazón. Como con cada número anterior, o equipo do consello de redacción facemos o posible para programar presentacións e levar así o diálogo sobre a cultura mariñeira a diferentes puntos do país.

O calendario de citas vaise poboando e xa que logo podemos anticipar as primeiras datas:
O 12 de xullo aínda que sen presentación, estaremos na Casa de Rosalía que celebra o evento de conmemoración do pasamento de Rosalía de Castro “Abride a fiestra” e teremos un postiño para vender o número recén saído e algúns dos anteriores.
O 31, tamén de xullo, celebraremos de Rianxo a Padrón, a Inchadiña Branca Vela, presentando a revista no Pazo do Martelo ás 20 horas como antesala da xa icónica xornada de navegación que partirá do Porto de Rianxo no día seguinte, 1 de agosto ás 11 horas para chegar a Padrón ás seis da tarde.
O 1 de agosto viaxaremos ata Esposende para participar na homenaxe á querida compañeira Ivone Baptista, que tristemente nos deixou hai poucos meses. Será no Museu Marítimo no que ela desenvolveu un traballo excelente. O Fórum Esposendense forma parte da organización. O acto iniciaráse ás 10.30 na hora local.
O día 15 de agosto temos previsto estar en San Tomé, en Cambados, nun acto organizado polo Clube Mariño Salnés.
No ríoLagares en Vigo, na Guarda e na Coruña tamén, estamos asemade a concretar datas.
Todas estas e outras citas que iremos concertando, irémolas anunciando na sección de eventos, desta mesma web. Non lle quitedes ollo!

