A Nova Ardentia axudou tamén a levar o mar a Terreboredo.

De dereita a esquerda na imaxe Emilio X. Ínsua, Manolo Parada, Antón Mascato e Rosa Fernández Otero

Onte, 2 de maio, como xa ven sendo habitual, a Nova Ardentía foi acollida con toda a amabilidade e o cariño que nos brindan sempre organizadores e público en “O Mar en Terra”. Esta iniciativa que xa leva uns anos en funcionamento foi promovida dende os inicios por María Rivas e Uxío Alho para celebrar e dar visibilidade á comuñón entre o mar e a terra na cultura do noso país. Na actualidade, o papel dinamizador que a mesma ten na aldea de Terreboredo, o Souto, A Estrada, reflíctese tamén na creación dunha asociación veciñal á que lle desexamos longa e próspera travesía. Trátase da Asociación Veciñal e Cultural Fonte Barreira De Terreboredo, que toma as rendas da organización deste evento no que a revista da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial ten o pracer de participar coa presenza de varios dos membros do consello de redacción.

Esta foi seguramente a derradeira das oportunidades que tivemos de presentar o número 17, De Ribeira a Ribeira, pois o número 18 da revista xa está a piques de entrar no prelo. Alí estivemos Manuel Lara _o noso especialista en patrimonio industrial, inseparable da súa cámara que nos permite ter sempre testemuña gráfica das cousas nas que andamos. Antón Mascato fixo as veces de moderador e levou o fío das intervencións, aportando coma sempre comentarios valiosos para encadrar as achegas de cada quen. Rosa Fernández Otero contou desta volta as súas impresións nunha visita de traballo en Mauritania na que tomou boa nota dalgúns elementos de interese no patrimonio cultural pesqueiro daquelas costas. Manolo Parada é sempre referente, co seu irmán Eduardo, para coñecer a traxectoria dos traballos de recuperación das embarcacións tradicionais, de como empezou todo, que se fixo e cando, e como o proxecto da revista acompañou os esforzos dos colectivos arredor da navegación tradicional e do patrimonio marítimo e pesqueiro. E, por último, Emilio Ínsua _incansable traballador deste consello de redacción, como acertadamente salientou Antón, ademais de actualizarnos sobre o estado do novo número e facer balance de como van indo as cousas, dedicou, con especial emoción, moita da súa intervención a destacar a figura da recentemente finada, a compañeira Ivone Baptista de Magalhães, muller referente para a cultura marítima comunal de Galicia e Portugal e compañeira infalible na súa colaboración coa Ardentía e a Nova Ardentía.  Sen intervir, estaba tamén con nós o compañeiro Xaquín Lores, peza esencial do equipo na revisión de material editado de relevancia para a revista como para a distribución da mesma.

O día deixounos un excelente sabor de boca, divertímonos acompañando e orando  con devoción mariñeira á santa dorna, aprendemos das historias de mar que nos contou tamén Xosé Iglesias, co seu magnífico libro ilustrado Nao cetácea. Coñecemos a historia dun dos colectivos máis activos na recuperación da navegación tradicional, a Asociación Os Galos de Bueu. E tamén, e falando de bo sabor, aproveitamos para levar para a casa uns rebolos de Namoreiras que Uxío e María elaboran con todo o amor no seu obrador. Se fora pouco o valor dun produto artesano, saudable e sostible, en cada caixiña agasállannos cun reclamo da memoria democrática, con ilustracións e relatos nos que tamén Antón Mascato e Xosé Iglesias botan unha man. Bravo por eles todos! Boa proa por moitas mereas ao Mar en Terra!

Tagged , , , , ,