Para colaborar…

INDICACIÓNS PARA A PRESENTACIÓN DE ORIXINAIS

A revista NOVA ARDENTÍA ten as súas páxinas abertas a todas aquelas persoas que desexen publicar de xeito voluntario e desinteresado as súas colaboracións sobre calquera aspecto relacionado coa cultura marítima e fluvial. Esas eventuais colaboracións deben axustarse canto sexa posíbel ás seguintes normas:


1. Características das colaboracións. Deben ser rigorosas, orixinais e inéditas, cun mínimo de 2.000 caracteres e un máximo de 15.000 (espazos incluídos). As colaboracións que non cumpran os criterios formais de edición poderán ser rexeitadas ou, no seu caso, devoltas á persoa autora para seren corrixidas.

2. Texto. Todas as achegas deberán ser redactadas na fonte de letra Times New Roman, tamaño 12, con interliñado de 1’15 ou 1’5 e aliñamento xustificado.

3. Envío de colaboracións. Serán remitidas por correo electrónico ao enderezo revista@culturmar.org ou, en soporte informático físico (cd, lapis electrónico…, con adecuada identificación do arquivo), ao enderezo postal CULTURMAR. Polígono Industrial de Sete Pías, Rúa Maruja Mallo 13, 1º andar, 36635, Cambados (Pontevedra). O programa e a versión do procesador de textos empregado será preferibelmente o Openoffice ou o Microsoft Word.

4. Identificación de autoría. Na cabeceira da colaboración figurarán o título da mesma e o nome do autor/a ou autores/as. No remate da colaboración débese consignar o enderezo postal, un teléfono de contacto e o enderezo de correo electrónico, datos que non aparecerán publicados logo na revista.

5. Referencias. Nas referencias e citas bibliográficas procederase de acordo coas normas da APA (www.apastyle.org). Seguirase o seguinte modelo para os libros: Apelidos, Nome ou Inicial con punto do/a autor/a. Paréntese para o ano de publicación, punto. Título do libro en cursiva, punto. Lugar de edición, dous puntos: editorial, punto. Se houbese varios traballos publicados por un mesmo autor ou autora no mesmo ano, despois do ano porase coma, e logo: a, b, c…: Caso de autoría compartida indicarase o primeiro dos autores/as coa fórmula et alii (e outros); especificarase igualmente e sinalarase nos casos de obra colectiva aquel autor/a que aparece como Editor/a (Ed.), ou Coordinador/a (Coord.). Nas referencias e citas bibliográficas de artigos de revistas e de capítulos de libros procederase de acordo co seguinte modelo: Apelidos, Nome ou Inicial do/a autor/a. Paréntese para o ano de publicación. Título do artigo. Nome da revista en cursiva, número da revista, páxinas con guión intermedio. As referencias dos documentos publicados en internet irán despois do resto da bibliografía, baixo o título de “Fontes electrónicas”. Debe incluírse a data de consulta.

6. Notas ao texto e citacións. O texto da colaboración poderá levar notas a rodapé, numeradas correlativamente e indicadas con sobreíndices. Cando se citen frases textuais, estas irán en cursiva. Se a frase textual ocupa menos de tres liñas, redactarase de corrido no texto, entre comiñas; de ocupar maior extensión, escribirase á parte, precedida de dous puntos e sangrada na marxe esquerda, con tamaño de letra 10.

7. Ilustracións, táboas, cadros, gráficos. As colaboracións de texto poderanse acompañar das ilustracións (fotografías, imaxes, gráficos, cadros…) que se consideren necesarias, en arquivos complementarios e indicados con orde, sinalándose claramente no texto, mediante anotación entre parénteses, o lugar onde deben reproducirse. Enviaranse as fotografías ou outras imaxes e gráficos en formato dixital cunha resolución mínima de 300 ppp, en formato JPG, TIF, PNG ou PDF. Ademais, estas sempre deben ser enviadas como documento autónomo, fóra do documento de texto.

8. Lingua de publicación. Os traballos aparecerán na revista en lingua galega ou portuguesa.  Acéptase, non obstante,  que se envíen orixinais noutras linguas,  para seren traducidos desde a propia Redacción, co visto e prace final da(s) persoa(s) colaboradora(s).

9. Exemplares de cortesía. Por cada colaboración, o autor/a recibirá dous exemplares de cortesía do número de Nova Ardentía onde apareza o seu traballo.