Agárdanos a todos o día
en que debamos converternos
en luces que fulguran na néboa,
soas,
coa única ilusión de orientar as travesías,
dende lonxe,
de aqueles que han ser carne da nosa carne
pola historia fóra.
O tempo vainos convidando, andar de boi,
a nos perdermos polo ronsel de popa
_xa foron os días de aturar rexamente
bategadas, pantocadas, vendavais –
e as manobras van adoptando
un ar preludial de recalada ou desembarco.
Contra a dureza cruel, porén,
deste destino que asexa inexorábel
querendo convertelo todo en cinza,
érguense maxestosos e puros
tesouros labrados no recorrer dos días:
ansias convictas de exemplaridade,
desafiantes proclamas contra a submisión,
risos e bicos frescos apañados
nas bocas cálidas que máis quixemos,
traballos, loitas, sacrificios
que despregamos ilusos e teimudos
sobre un lenzol de entregas
en horas sen taxa
para darmos iluminado un algo
os escuros subterráneos
en que se extravía por veces a vida
ou para desvelarnos,
intrépidos, rebeldes e únicos,
teselas ata entón opacas da nosa identidade.
E todo isto será o que quede,
concluso pero firme,
mentres camiñamos cara ao silencio repleto
sabéndonos rumor incesante
a borboriñar nos oídos do futuro,
candea ou farol perpetuo na néboa
en que han de se ver mergullados igualmente,
noite e vida adiante,
os argonautas que veñen
incesantes
atrás de nós.
_Emilio Xosé Insua, 2015_
Publicado en Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima.
Emilio Xosé Insua e Francisco Fernández Rei. Culturmar 2020.

