Nova Ardentía é a Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial editada por Culturmar.
Naceu en xullo de 2004, inicialmente co nome de Ardentía, baixo a dirección de Luís Rei Núñez (1960-2015) e cos membros do Colectivo Etnográfico Mascato do Salnés como principais redactores, coa misión específica de arroupar a celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais que organiza a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Con todo, a revista axiña cobrou dinámica de seu e diversificou a súa funcionalidade e contidos, saíndo puntualmente desde o noveno número con periodicidade anual. O oitavo número, editado inmediatamente despois da morte de Luís Rei, foi coordinado por Lino Prieto e desde o noveno desempeña ese rol Emilio Xosé Ínsua.
No consello de redacción da revista figuran actualmente, ademais do coordinador, Ivone Baptista, Sole Rei, Helena Pousa, Rosa Fernández Otero, Xaquín Lores, Antón Mascato, Manuel Lara, Manuel García Sendón e Francisco Fernández Rei.
O obxectivo xeral da revista é contribuír a divulgar o labor de todos os grupos que compoñen Culturmar tendente ao estudo, recuperación e dignificación da cultura nacida arredor dos nosos mares e ríos e publicar traballos de investigación e divulgación (artigos, entrevistas, crónicas, reportaxes, etc.) que dean conta das variadísimas vertentes que esa cultura presenta.
Nas súas páxinas abórdanse por iso asuntos de moi variada índole (etnografía, antropoloxía, economía, tecnoloxía, historia, arte, literatura…) e inclúe varias seccións fixas: o editorial “A Atalaia”, “A que andamos?”, “Artistas do mar”, “Sino de proa”, “Letras na almadraba”, “Lecturas para navegantes”, “Espazos para saber do mar”… Todas as persoas redactoras e colaboradoras da revista non perciben emolumento por ese concepto.