O Concello do Grove convoca a III edición do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei

O Concello do Grove vén de abrir o prazo para a presentación de traballos da III Edición do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei. Esta convocatoria busca honrar a memoria de Xosé Luís Rei Núñez, figura clave no movemento de recuperación e socialización do patrimonio marítimo e fluvial galego e das súas embarcacións tradicionais e peza fundamental na posta en marcha da revista Ardentía, antecesora do proxecto editorial actual de Culturmar – Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

Nas edicións anteriores resultaron galardoadas as investigadoras Helena Domínguez García polo seu traballo de talasonimia Cons, touzas e petóns: talasonimia da ría de Arousa e, na segunda edición, María de los Ángeles Verea Castelo polo estudo De salinas a barreiras. Desenvolvemento e consolidación da industria de cerámica en Sanxenxo (Séculos XVIII, XIX e XX) sobre a orixe, o desenvolvemento e a consolidación da industria cerámica de construcción de terra cocida en Vilalonga (Sanxenxo) e o seu valor patrimonial.

O certame está dotado cun premio único de 1.500,00 euros.

Poderán participar todas as persoas físicas que presenten traballos inéditos e redactados en lingua galega. Como nas edicións anteriores as propostas estarán vinculadas aos seguintes temas:

  • O patrimonio e a cultura marítima e fluvial e a súa recuperación.
  • A historia e cultura do Grove e da comarca do Salnés.

Os textos deberán ter unha extensión mínima de 75 páxinas e máxima de 150 (en formato DIN A4, letra Arial 12 e espazamento de 1,5).

O xurado estará composto por cinco especialistas ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito da cultura marítima e da historia galega. Entre os seus membros figurará a persoa gañadora da edición anterior e un representante de Culturmar – Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

O prazo para a presentación das obras remata o 15 de outubro de 2026.

As bases completas poden consultarse na sede electrónica e na páxina web do Concello do Grove, así como na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Tagged , , , ,