De Ribeira a Ribeira recalando en Moaña

De dereita a esquerda na imaxe: Asunción Soñeira, Emilio X. Ínsua, Antón Mascato, Rosa Fernández Otero e Manuel Lara. Fotografía publicada nas redes sociais polo Concello de Moaña.

O pasado venres 9 de xaneiro, a revista Nova Ardentía presentouse en Moaña, no marco simbólico do Centro de Interpretación agora establecido nos recuperados estaleiros de carpintería de ribeira Carlagho e Casqueiro. O acto, que contou coa presenza da corporación municipal e membros da Asociación Sueste (que forma parte de Culturmar), foi introducido por Asunción Soñeira. Na súa benvida, destacou a importancia de preservar a cultura marítima como un legado diferencial e unha fonte de prosperidade que debe ser transmitida ás vindeiras xeracións.

Antón Mascato, en representación do consello de redacción, agradeceu a acollida e gabou a recuperación dese espazo patrimonial. Explicou diferentes aspectos característicos da publicación e falou tamén das motivacións e do carácter desinteresado que move moitas das iniciativas a prol da cultura fluvial e marítima, como é o caso da Nova Ardentía. A continuación, Rosa Fernández Otero incidiu na utilidade da revista como ferramenta pedagóxica, convidando a explorar o seu arquivo histórico na web precisamente para o seu potencial aproveitamento en espazos como o lugar onde estabamos. Subliñou que a revista axuda a comprender a amplitude deo concepto de cultura marítima e fluvial, onde o estudo das embarcacións abre o camiño cara á arquitectura, a paisaxe social e económica, ou a lingua, entre outros.

Pola súa parte, Manuel Lara compartiu a súa experiencia no Censo de Patrimonio Cultural Marítimo de Galicia. Explicou como a vida en terra non se entende sen o mar, poñendo como exemplo a histórica conexión entre portos e os camiños do ferrocarril, ou o uso de elementos visibles dende a costa —coma os muíños de vento ou as chemineas das telleiras— como puntos de referencia esenciais para a orientación dos mariñeiros. “Galicia non se pode contar sen contala dende o mar”, afirmou.

Emilio X. Ínsua resaltou que tanto o Centro de Interpretación como a revista conseguen ser atractivos para todos os públicos sen perder o rigor. A través dos contidos do número 17, desmontou a idea dunha Galicia illada, amosando un país historicamente conectado coas innovacións globais. Tamén lembrou que, se ben este número destaca o Encontro de Ribeira, por celebrarse no 2025 a grande festa do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia nesa vila (á que regresaba logo de XVI edicións) a revista xa dedicara o seu número 13 a Moaña, cuxo encontro tivo que ser, infelizmente, suspendido pola pandemia.

O evento pechouse cunha reclamación dende o público que xa recibimos noutras ocasións ao presentar a Nova Ardentúia: a necesidade de crear un dicionario temático galego do mar, que compile a lexicografía mariñeira e fluvial, unha parte vital do noso patrimonio inmaterial que moitas veces fica fóra dos dicionarios oficiais.

Fotografía do público, por Manuel Lara.

Tagged , , , , ,