
Fotografía dunha das telleiras no Intermareal Umia-Ogrove
O traballo de Maria de los Ángeles Verea Castelo sobre o desenvolvemento da industria cerámica de construción en Vilalonga (Sanxenxo) resultou ganador da Segunda Edición do Premio de Investigación e Cultura Marítima, Luís Rei.
A historiadora, doutora en xeografía, natural de Boimorto (A Coruña), destaca polas súas investigacións sobre o patrimonio industrial e a historia da cerámica en Galicia. Descendente dunha familia de telleiros xa no ano 2008 defendera na Universidade de Santiago de Compostela a súa tese de doutoramento sobre as fábricas de tella en Galicia, ten publicados numerosos traballos sobre esta temática que a fixeron merecedora de distinción como o XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo (2010), o Premio Provincial á Investigación Deputación de Pontevedra (2015) e o Premio de Investigación Buxa (2019-2020 e 2021-2022) da Asociación Galega do Patrimonio Industrial.
De salinas a barreiras. Desenvolvemento e consolidación da industria de cerámica en Sanxenxo (Séculos XVIII, XIX e XX). Esta obra analiza trescentos anos de actividade arredor do barro en Sanxenxo, reivindicando a protección de fábricas, fornos e o patrimonio inmaterial da parroquia de Vilalonga.
A nota de prensa que publicou o Concello de O Grove sobre o ditame salienta que “[…] A parroquia de Vilalonga chegou a ter na década de 1970 cinco grandes factorías industriais entre as que destacaba a Cerámica Guisasola instalada na Fianteira no 1910, que no seu momento foi unha das máis modernas de Galicia e marcou un punto de inflexión na modernización desta industria en Sanxenxo.”
A autora reivindica con este traballo a importancia deste legado que se expresa en moi diversas formas do noso patrimonio e salienta a necesidade da súa protección.
O Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei, dotado con 1.500 euros, é un premio convocado polo Concello do Grove co obxectivo de honrar a figura e a memoria de Xosé Luís Rei Núñez e fomentar a investigación e a recuperación no campo do patrimonio e a cultura marítima.
O xurado do premio estaba composto por Francisco Fernández Rei, que tamén forma parte do consello de redacción da Nova Ardentía, Lino Prieto Prol, Bruno Padín Portela, Iria Fernández Delgado (en representación de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) e Helena Domínguez García (gañadora da anterior edición).

