De Vigo a A Guarda con De Ribeira a Ribeira, o número 17 da Nova Ardentía

De Ribeira a Ribeira vogou nesta semana, nos días 13 e 14 de novembro, e a pesar do mal tempo, de Vigo a A Guarda, pasando por Bouzas. O xoves na tardiña, tivemos ocasión de manter unha agradable conversa no espazo cultural Ríolagares pilotado dende a rúa Falperra, en Vigo, por Xavier Queipo e Çé Tomé. Alí, Emilio X. Ínsua e Rosa Fernández Otero en representación da redacción da Nova Ardentía e, Victor Fernández en representación da Asociación Cabo do Mar tivemos a oportunidade de conversar de diferentes aspectos tanto relacionados coa revista como de maneira máis xeral, sobre os esforzos pola recuperación da cultura marítima e a súa consideración como caso de éxito.

Xavier patroneou a conversa coa habelencia de lograr que tocaramos temas diversos, que interviramos todos e mesmo, a xente do público, e que non nos estendésemos alén da duración prevista para poder respectar a hora de peche do local. O formato permitiu tanto mencionar contidos específicos deste número, como reflexionar en algo acerca de algúns desafíos que poden afectar á capacidade para manter o proxecto no tempo: financiamento, relevo xeracional nos sectores do mar, a desmontaxe da idea romántica de que a valorización da cultura marítima acaba na mirada e recolleita de información sobre o pasado, etc.

Dende Cabo do Mar, Víctor Fernández explicou con grande capacidade didáctica o papel que xoga a navegación tradicional na recuperación do patrimonio marítimo, sendo esta a parte máis tanxible e identificable para a sociedade diso que chamamos cultura marítima. Esa tanxibilidade é o que fai que os colectivos neste ámbito aposten por conseguir espazos de visibilidade. Neste senso, as mariñas tradicionais nas zonas portuarias representan oportunidades moi valiosas de acercamento do patrimonio marítimo á sociedade, permitindo ao mesmo tempo o desfrute da navegación e a divulgación sobre todo o que xira arredor do coñecemento das embarcacións (o seu uso orixinal, o lugar de orixe, a pesca obxectivo, as características construtivas, etc.). Cabo do Mar ten o proxecto de establecer unha mariña tradicional no Berbés e dende a Nova Ardentía non podemos máis que animar e reclamar das autoridades a que faciliten que isto se materialice o antes posible.

No día seguinte, venres 14, a tripulación da Nova Ardentía foi rumbo a A Guarda. No local da Asociación Piueiro, ao que vale moito a pena acercarse para visitar o pequeniño museo etnográfico que alí teñen establecido, recibíronnos con toda amabilidade. Malia que a choiva non daba tregua a asistencia foi moi numerosa e seguiron con moita atención as diferentes intervencións. A sesión foi introducida coas fermosísimas palabras de Tito Chirro, patrón do Piueiro quen salientou o nome da revista, Ardentía, como un fenómeno de vital importancia para os mariñeiros. Explicounos con erudición en que consistía, cando e por canto tempo acontecía e a súa relación coa maior ou menor abundancia de peixe.

A compañeira Helena Pousa, a quen lle debemos a organización desta sesión na Guarda, escribiu unha crónica da sesión no blog local Infogauda. Colocamos nesta crónica a ligazón para así poder ofrecervos tamén esa información tan ben contada sobre o que alí se tratou: https://infogauda.blogspot.com/2025/11/a-guarda_15.html?m=1

Moito lles agradecemos tamén a Isabel González Avión, e a Santiago Baz Lomba as fotografías que fixeron no Ríolagares e na Asociación Piueiro, respectivamente.

No espazo cultural Riolagares, no lado dereito da fotografía de dereita a esquerda Víctor Fernández, Xavier Queipo, Emilio X. Ínsua e Rosa Fernández Otero. (Fotografía de Isabel González Avión)

Ao fondo da imaxe, no lado esquerdo de pé, Bruno Centelles e Emilio X. Ínsua e no dereito, Rosa Fernández e Tito Chirro. (Fotografía de Santiago Baz Lomba)

Tagged , , , , , ,