
- Fotografía propiedade do IEM obtida durante a celebración da presentación da Nova Ardentía #17.
Na tardiña do venres 26 de setembro, a Nova Ardentía tivo o privilexio de navegar unhas horas polas augas do río Miñor. No corazón do seu Val, en Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoráns, que tamén forma parte da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, acolleu á tripulación do barco de papel de Culturmar para deixar tamén alí o ronsel das lecturas sobre cultura marítima e fluvial de Galicia e do Norte de Portugal.
Rosa Fernández Otero, Helena Pousa, Antón Mascato e Emilio X. Ínsua desenvolveron as súas intervencións seguindo ás indicacións do compañeiro e tamén colaborador da revista, Bruno Centelles, que fixo de guía e anfitrión do acto.
Rosa comentou diferentes aspectos abordados nas entrevistas que recolleu neste número. A primeira, que asinou con Antón Mascato, tivo como protagonista a Jacobo Fernández. A través da súa traxectoria profesional na planta de rodaballo de A Insuíña, no Grove, poden entenderse moitas das claves do exitoso desenvolvemento da acuicultura desta especie no noso país. Logo abordou tamén as claves e motivacións para entrevistar aos investigadores Hugo Martínez Ballesteros e Gonzalo Rodríguez, do Grupo ECOPESCA da Universidade de Santiago, para poñer unha mirada alternativa, mais con sólida base científica, sobre o fenómeno do furtivismo.
Helena Pousa explicou para os asistentes o seu especial afecto pola cultura fluvial dentro do equipo da revista. Os seus azos que adoita manifestar a prol da visibilidade e do coñecemento da cultura fluvial, especialmente do Miño. Helena explicou que o seu traballo para este número estivo máis centrado en conseguir colaboracións de persoas alleas ao equipo de redacción, algo imprescindible para a revista. Unha destas colaboracións é a de Cuqui Piñeiro Álvarez arredor da figura e da obra do seu pai, Xoán Piñeiro, escultor do Hío. É fonda a presenza e pegada do mar neste artista da comarca do Morrazo. Outro contributo que nos chegou á Nova Ardentía #17 da man de Helena foi o de Bruno Centelle. Él mesmo, neste acto de presentación, falounos, como no seu artigo, da problemática maneira na que proliferaron as instalacións de enerxía eólica en Galicia, cunha grande preocupación no que atinxe ao seu previsible desenvolvemento no mar. Na súa intervención Bruno deu razóns, fontes e datos concretos que xustifican tal preocupación. Tamén explicou o traballo inxente que levan desenvolvido entre diferentes organizacións para frear unha ocupación do territorio con estas instalacións que non se xustifica nin coa demanda enerxética existente en Galicia, nin tampouco coa exigua achega destas actividades ao desenvolvemento económico, ao emprego ou á mellora das condicións de vida da cidadanía Galega. Mesmo ironizou coa desafortunada maneira na que os proxectos previstos nas costas do sur de Galicia foron bautizados, parecendo mesmo xestos desafiantes ao aludir nalgúns casos ás actividades pesqueiras máis directamente afectadas. Do lado máis esperanzador relata que até a data, os esforzos por frear estas iniciativas en terra, nos montes, teñen xa dado resultados moi esperanzadores no plano xudicial. A maior parte dos novos proxectos de eólica terrestre actualmente proxectados están paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a pesar de que moitos deles foran avalados con informes de impacto ambiental positivos.
Antón Mascato destacou na súa intervención a súa relación co IEM dende a propia fundación do mesmo. Reivindicou unha maior presenza do Val do Miñor nas páxinas da Nova Ardentía pois até a data son moi poucas as achegas relacionadas con esta zona a pesar de ser unha comarca claramente mariñeira, cunha tradición marítima secular, alén da actividade pesqueira, e tamén con importante cultura fluvial. A mesma reivindicación e crítica construtiva a traslada ao traballo do propio IEM que na súa publicación periódica tamén da relativamente pouca presenza ao mar.
A última das intervencións foi a de Emilio X. Ínsua que como é habitual suplementa os comentarios do resto de compañeiras e compañeiros facendo un percorrido moi completo polo conxunto dos contidos da publicación. Ao facelo, sabedor das motivacións detrás de practicamente cada texto, tece o relato que nos embarca, mesmo a quen coñecemos ben cada número, na travesía da Nova Ardentía 17. E así, nese relato foinos levando a todos dun lugar a outro, dun tema a outro, dun tempo a outro… De Ribeira a Ribeira.
O público, atento e paciente, acompañounos até o final da presentación para participar logo nunha reflexión conxunta acerca da importancia que ten manter o noso mar vivo: saudable na súa condición ecolóxica; produtivo na súa capacidade para fornecer un medio e un modo de vida dignos; vibrante e esplendoroso culturalmente; orgulloso de toda a súa singularidade que como xentes do mar e dos ríos debemos facer nosa. Avogamos porque a fagan propia todas xentes de ben para ser digna herdanza dos que nos sucedan.

