Segunda edición do Premio Luís Rei de Investigación e Cultura Marítima

O Grove vén de abrir unha nova singradura co anuncio da II Edición do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei, unha iniciativa que honra a memoria e a obra de Luís Rei Núñez, figura indispensable no estudo do noso patrimonio cultural, da historia local e da tradición marítima galega, e primeiro responsable de coordinar a revista Ardentía, antecesora da actual Nova Ardentía, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

O galardón, dotado con 1.500 euros, quere ser tamén unha chamada a todas aquelas persoas que, dende a investigación e a escrita, manteñen vivo o facho da cultura mariñeira. Poderán participar autoras e autores que presenten un traballo en galego, inédito e orixinal, arredor do patrimonio marítimo e fluvial, a súa recuperación e socialización, ou ben vinculado á historia e á cultura do Grove e da comarca do Salnés.

As bases da convocatoria —dispoñibles na Base de Datos Nacional de Subvencións, na sede electrónica e na web do Concello— fixan como prazo límite de entrega o 30 de outubro de 2025. Os textos deberán ter entre 75 e 150 páxinas, en formato DIN A4, con letra Arial de 12 puntos, interliñado 1,5 e follas numeradas.

O xurado estará composto por cinco persoas vencelladas á cultura marítima e á historia local: tres designadas polo Concello, unha en representación de Culturmar e outra na persoa gañadora da edición anterior, Helena Domíngez García.

Dende a Nova Ardentía congratulamos que o Grove reafirme o compromiso de manter viva a memoria de Luís Rei e de seguir navegando no rumbo da recuperación, coñecemento e posta en valor da cultura marítima galega.

Tagged , , , ,