A palabra en alto de Luís Rei vive na voz e na memoria dos seus.

Segunda xornada do Memorial Luís Rei.

De esquerda a dereita na mesa de oradores, Emilio X. Ínsua, Javier Rey Núñez, Sabela Rei, Antón Mascato, Francisco Fernández Rei e Isabel González Avión.

Coa mesma parsimonia coa que o mar permitía o abarloado das dornas no peirao de Punta Moreiras foron chegando todas as persoas que querían formar parte, participar ou simplemente estar e con iso amosar o apoio á iniciativa do Grupo Etnográfico Mascato de celebrar un Memorial para Luís Rei cando fai dez anos que marchou a navegar os mares do alén, teñan estes a forma, o espazo e o tempo que cada persoa lle dea no seu maxín.

Primeiro as dornas da Asociación Dorna Meca, logo os preparativos da presentación da publicación A palabra sempre en alto. Traballos inéditos e dispersos. Luis Rei (Lobisome, 2025), e finalmente a expresión directa e honesta da reflexión acerca da persoa de Luís Rei por quen o coñeceron ben, lle quixeron, colaboraron, compartiron o tempo e traballaron con el, militaron con el e o admiraron e admiramos, xa por sempre.

Antón Mascato encargouse de guiar as intervencións e ao facelo foi fiando tamén o relato da súa relación con Luís. Recalando nas súas múltiples facetas, no seu carácter, na súa actividade incansable, nos seus xestos de xenerosidade e no seu traballo brillante. Antón foi anticipando as intervencións dos que expresaron a pegada específica que lles deixou Luís, tanto a mesa de oradores inicial como as persoas que o fixeron nas quendas de intervención de entre o público.

As primeiras foron dos seus familiares e amigos máis próximos. Isabel González Avión destacou a súa relación persoal e mesmo algunhas similitudes nos trazos do seu carácter, a dureza de acompañalo nos últimos momentos e o sentimento de agradecemento te ter sido merecedora da súa amizade. Logo veu a intervención do seu irmán Javier, que se centrou, coma na introdución  que lle dedica no libro antes citado, na orixe modesta del e de Luís, no esforzo dos pais para sacar a vida adiante e na súa infancia. Tamén nos trazos do seu carácter  e na brillantez que xa naquela altura anticipaban os mestres que o trataron. Tamén dese tempo, dos anos da escola, foron as primeiras amizades que durarían inquebrantables para o resto da vida. Algunhas delas estaban tamén presentes no acto e outras xa, lamentablemente non, como é o caso e Moncho Meis, que nos deixou tamén demasiado cedo. Sabela Rei falou de Luis pai, e fíxoo da maneira máis fermosa que se pode facer, demostrando todo o amor, toda a súa pegada nos valores, no rumbo na vida, na identidade. Sabela deulle todo o recoñecemento ao espazo que lle deixou para medrar libre. Non pode haber herdanza máis fermosa, e mesmo nestes tempos, máis valiosa, non si?

Paco Fernández Rei coñeceu a Luís non moi novo, pero tiveron tempo suficiente para se dedicaren admiración mutua e forxar unha amizade inquebrantable. Os seus comentarios xiraron arredor do excelente traballo de Luís en numerosas frontes, dende a importancia e a pegada que tivo na vila de Cambados, e a maneira na que abordou a súa labor como técnico a cargo da biblioteca municipal, como a transcendencia da súa obra biográfica de Cabanillas da que dixo que “non hai figura da literatura galega que teña unha biografía como a que Luís fixo para Cabanillas”. Paco louvou tamén o importantísimo legado que Luís deixou en todo o material que tiña recompilado, escrito, esbozado e extraordinariamente organizado. Falando da súa obra inédita comentou que quería ler un escrito que lle quedou atrás cando fixeron a recompilación de material para o libro. Foi un texto que Luís lle dedicou a Paco cando celebrara o seu 60 aniversario e para o que distintos amigos e familiares lle prepararon un fermoso álbum no que Luís escribiu acerca desa conexión tan especial entre os dous.

Emilio Ínsua, embargado pola emoción, sendo evidente a relación de amizade fonda e fraternal, centrou máis a súa intervención no valor inconmensurable do traballo de Luís, no contido do novo libro e no compromiso que quen coñecen mellor esa obra teñen asumido por facer se coñeza. En Cambados, no Grove, e no resto do país, os catro libros (Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, Editorial Galaxia, 2009; Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a Cultura Marítima. Culturmar,2020;  Basiliana. Materiais para unha biografía de Basilio Álvarez que ficou inconclusa. Lobisome Producións, 2022; e A palabra sempre en alto. Traballos inéditos e dispersos, de Luís Rei. Lobisome Producións, 2025) deben xa pasar a formar parte de calquera biblioteca sobre a cultura do noso país que se prece. Emilio Ínsua, Paco Fernández Rei e Antón Mascato teñen estado especialmente implicados na preparación e na edición dos libros que viron a luz a título póstumo. Emilio compartiu que o Farol perpetuo na néboa tivo a mala fortuna de saír publicado no momento no que se desataba a pandemia da COVID e isto dificultou a súa difusión. Dos tres traballos o que lle resultou máis desafiante de abordar foi a biografía de Basilio Álvarez mais finalmente é dos que máis satisfacción lle reportan. Por último, comenta que esta última publicación A palabra sempre en alto. Traballos inéditos e dispersos. Luís Rei recolle material inédito sobre Cabanillas e outros temas que lle preocupaban e nas que ocupou o seu lúcido tempo. Estes textos en boa medida ilustran a maneira sistemática e minuciosa que tiña Luís de facer o seu traballo, que non abandonou sequera nos últimos momentos da súa vida, sublimando sempre, través da súa obra, o valor da palabra. Non é en van que título do libro estea inspirado no poema de Millán Otero “E que cando menos sobrevivan as palabras”.   

Logo viñeron as achegas do público que non podemos resumir unha por unha para non facer a crónica excesivamente longa, pero o que si queremos, dende a organización do evento é nomear a todas as persoas que tan amablemente se prestaron a dicir unhas palabras, o que lles parecese máis acaído, para lembrar a Luís Rei. Vai  nosa beizón para todas elas: Anselmo Noia, Pilar Gondar, Xan Caneda, Lina Álvarez, Alfredo Fernández, Luís Escalante, Xoaquín Lores, Xesús Domínguez, Santiago Ínsua, Jacobo Fernández Casal, Xesús María González, Eduardo Parada, Aloia Ínsua, Fran Meis, Uxío Allo, Sole Rei, Maribel Iglesias e Xoán Antonio Pillado.

Algúns dos momentos das intervencións dende o público, á esquerda Xaquín Lores, arriba á dereita, Sole Rei e abaixo á dereita, Xan Caneda e Anselmo Noia.

O Grove, 15 de agosto de 2025.

Tagged , , ,