Crónica do primeiro día dos actos pola memoria dunha amizade sen fin. Memorial Luís Rei

Cubertas da Nova Ardentía 17 e do novo libro “A palabra sempre en alto. Traballos inéditos e dispersos” co retrato de Luís Rei realizado por Carlos Álvarez Besada.

Arredor das sete da tarde foron xuntándose no cemiterio do Grove un grupo de familiares, amizades, camaradas, veciñanza… persoas que quixeron achegarse até alí para conmemorar o décimo cabodano do pasamento de Luís Rei.

Emilio X. Ínsua foi o encargado de guiar o acto solemne, honesto e cheo de emoción que promoveu como organizador o Grupo Etnográfico Mascato, que o mesmo Luís fundara. Este acto,  a posterior presentación do número 17 da revista Nova Ardentía, De Ribeira a Ribeira, na Galería Besada, e a programación prevista para a mañá do día 15 en Punta Moreiras, contaron tamén coa inestimable colaboración da Asociación Dorna Meca, de Culturmar, da Galería Besada, dos Amigos do Quinteiro e do BNG do Grove.

As intervencións no cemiterio lembraron a figura de Luís como ser humano, como amigo e como traballador, activista e intelectual máis que salientable polas súas achegas en diferentes campos da cultura do noso país, en particular polo seu legado arredor da cultura mariñeira.

Se ben en vida a súa obra máis destacada foi a  biografía Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (Editorial Galaxia, 2009), dende o seu falecemento, recollendo o resultado do seu traballo, van xa publicados tres libros máis, a título póstumo: Basiliana. Materiais para unha biografía de Basilio Álvarez que ficou inconclusa. (Con notas de edición de Emilio Xosé Ínsua e epílogo de Francisco Fernández Rei)  (Lobisome Producións, 2022); Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a Cultura Marítima. Edición preparada por Emilio Xosé Ínsua e Francisco Fernández Rei (Culturmar,2020); e xa moi recentemente, A palabra sempre en alto. Traballos inéditos e dispersos, de Luís Rei. (Lobisome Producións, 2025).

Unha preciosa e moi coidada escolma de poemas comezou coa lectura de dous da súa tía, Pastora Núñez, un deles recitado por ela mesma e o outro, por Anselmo Noya.  Non faltaron, por suposto, algúns do seu tan admirado Ramón Cabanillas. O primeiro deles, “Veiramar”, foi lido por Isabel González Avión; “Meus Irmáns” recitado por Aloia Ínsua e, a seguir, Paco Fernández Rei dedicoulle  “A Rosa que Sangra”. Vítor Caamaño escolleu “Na morte de Castelao”, tamén do poeta cambadés.  Seguiulle a lectura de “Irmaus” de Celso Emilio Ferreiro, a cargo de Maca Arca e foi despois “Están comigo”, de Manuel María, recitado por Santiago Ínsua. Un soneto de Patria do mar, “Dorna” de Darío Xohán Cabana foi o poema escollido e lido por Antón Mascato. Tamén se deu lectura a un comunicado e un poema de Manuel María enviado desde a Terra Chá por Orlando Viveiro, autor de varias colaboracións nas primeiras Ardentías. Emilio X. Ínsua escolleu para rematar dous poemas doutro referente da cultura, tamén do Grove, Manuel Lueiro Rei. Foron estes “Lembranza infinda” e  “Donde a vida é sempre nova”, seguíronlle “Na outra bandado mar” de Antón Avilés de Taramancos e “E que cando menos sobrevivan as palabras” de Millán Otero.  Os poemas recitados por Emilio encamiñaron o acto ao seu remate para convidar aos asistentes a achegarse a continuación até a Galería Besada.

Neste céntrico lugar da vila de O Grove congregouse un grupo de persoas xa máis numeroso que chegou a ateigar o establecemento, mesmo permanecendo de pé, incluso desde a beirarrúa e a entrada. Seguiron as intervención dos que foron presentando o contido do número 17 da revista Nova Ardentía, herdeira fiel da Ardentía que Luís Rei puxera en marcha no ano 2004 co respaldo e o aval sempre, até hoxe, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

Este acto foi conducido por Antón Mascato, tamén moi estreitamente unido a Luís e á súa traxectoria vital.  O percorrido por moitos dos contidos da revista tivo un momento de particular emotividade. Foi durante as intervencións dos irmáns Parada cando estes aludiron e renderon agradecemento aos irmáns Domínguez Soutullo (Jacobo, Antonio, Manuel e José), os Xons, presentes tamén entre os asistentes. Agradecemento por térense prestado a ser entrevistados para a revista por Manolo e Eduardo Parada, moi estreitamente vinculados á Asociación Dorna Meca. Manolo e Eduardo capturaron excelentemente neste traballo non só a experiencia vital destas xentes do mar por excelencia, non só a sabedoría infinda do seu oficio senón tamén a grande humanidade e os valores cos que desenvolveron esa súa traxectoria de vida no mar.

Nas presentacións de todas as persoas que interviñeron (ademais dos irmáns Parada e de Antón Mascato fixérono Íria Fernández de Culturmar, Rosa Fernández Otero, Francisco Fernández Rei e Emilio X. Ínsua, do Colectivo Etnográfico Mascato e do equipo de redacción da revista) fíxose especial fincapé na relación de Luís Rei coa Ardentía e coa actual Nova Ardentía e na vixencia da súa idea acerca do que debería de ser e conter. Tamén repararon na relación da publicación e do Grupo Etnográfico Mascato co Grove e con aspectos da vila que, por moito que tantas veces se desatendan, aínda gardan unha estreitísima relación co mar e coas actividades que del dependen, particularmente a pesca, o marisqueo, a acuicultura e os seus produtos. Reclamaron que esta regalía que ten sido nacer e/ou vivir e tamén recastar, nun lugar que atesoura tal riqueza non debería nunca deixar de ser unha prioridade, nin para a veciñanza nin para quen goberna, e como prioritario, debería de ser atendido, promovido e dotado dos recursos que garantan que prevaleza.

Continuará…

Fotografías tomadas durante o evento e cedidas por Marisa Ríos, Teresa González e Xosé Allegue.

Tagged , , , , , ,