Nova Ardentía #17 na apertura da VII Semana Cultural da Asociación de Amig@s de Fefiñáns. Crónica do acto

Na fotografía realizada por Manuel Lara aparecen de esquerda a dereita Fernando Piñeiro, Francisco Fernández Rei, Emilio Xosé Ínsua e Rosa Fernández Otero.

Un ano máis a Asociación de Amig@s de Fefiñáns deu unha amabilísima acollida ao recentemente publicado número 17 da Nova Ardentía honrándonos coa oportunidade de protagonizar o primeiro dos actos da VII Semana Cultural, este ano dedicada a Isaac Díaz Pardo e a defensa do noso patrimonio. A revista da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, nesta ocasión leva o título “De Ribeira a Ribeira” inspirado na efeméride da celebración do XVII Encontro de Embarcacións tradicionais de Galicia en Ribeira, sendo este o lugar onde se iniciara a travesía dos encontros alá polo ano 1993.

Nas palabras de benvida a presidenta saínte da Asociación, Maribel Iglesias, presentou para a audiencia a quen recentemente tomara o seu relevo no cargo, Ernesto Vázquez Rei.

Emilio X. Ínsua, na súa calidade de coordinador da redacción e a edición da revista,  agradeceu o convite e saudando e agradecendo a atención ás persoas asistentes foi dando paso a cada un dos oradores.

A primeira das intervencións correu a cargo de Fernando Piñeiro, un dos ex-presidentes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial que fixo memoria da historia dos encontros e daqueles inicios do traballo que se fixo dende as Agrupacións e a Federación a prol da posta en valor do patrimonio material e inmaterial relacionado coa navegación tradicional, e tamén dos importantísimos logros acadados. Destacou por exemplo que o traballo que se fixo en Galicia serviu de modelo para iniciativas posteriores de promoción da cultura marítima tradicional en distintos lugares do Estado español. Tamén salientou o carácter horizontal en canto a organización da Federación e o traballo inxente e desinteresado das persoas que colaboraron desinteresadamente no proxecto ao longo do tempo. Sobre a Nova Ardentía enalteceu que fose o medio de visibilidade no que os membros da Federación se ven representados.

A segunda das intervencións, xa do Consello de redacción da Revista, foi a cargo de Rosa Fernández que comezou por destacar o carácter tan aberto e diverso que ten a Nova Ardentía. Tanto é así que as súas achegas neste número son dúas entrevistas que tratan temas nada exentos de controversia. A primeira delas, elaborada en colaboración con Antón Mascato, tivo como protagonista a Jacobo Fernández.  O biólogo de O Grove que traballou e conseguiu estabilizar e produción do rodaballo de granxa en Galicia. A entrevista cóntanos a súa historia e a través dela, a historia da acuicultura de peixes no noso país, que para estas especies non ten parangón en Europa. A segunda das entrevistas foi, segundo a autora, unha agradabilísima conversa cos profesores da USC, Gonzálo Rodríguez Rodríguez e Hugo Martínez Ballesteros, ambos do Grupo de Economía da Pesca, que levan anos a concentrar parte das súas investigacións no fenómeno do furtivismo.

En terceiro lugar foi a intervención de Francisco Fernández Rei, Paco de Xenxa como o presentou cariñosamente Emilio, que nos deixou marabillados co seu resumo das súas achegas neste número no que teñen especial importancia as recensións de libros. O primeiro comentado foi “Antón e os Inocentes”, de X. L.  Méndez Ferrín, no que destacou e comparou o uso da terminoloxía mariñeira nas diferentes edicións da publicación.  “Galicia, un mar con historia” foi o segundo comentado, o que considera unha excelentísima obra coral coordinada por un dos co-autores, o historiador Isidro Dubert a quen agradeceu que constatase e aportase esta importante peza para solventar o problema da escaseza de referencias da historiografía do país co foco na Galicia mariñeira. Tamén dedicou parte da súa intervención a explicar as motivacións polas que incluíu como unha das súas recensións neste número ao libro “Umiko” da autora Mónica Rodríguez, que gañou no 2024 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. A escolla deste libro, ademais da súa calidade narrativa, ten que ver con que nos fala da historia dun tipo de marisqueo para apañar peneiras, que se desenvolvía hai moitos anos nas costas do Xapón, e que nos podería facer reflexionar sobre o marisqueo que nós coñecemos hoxe en día en Galicia.

Emilio puxo o abrocho ás intervencións lembrando os momentos da súa infancia nos que coñecera a Isaac Díaz Pardo e frecuentara a fábrica de Sargadelos. Amosando fondo respecto e admiración polo protagonista da VII Semana Cultural salientou o seu indiscutible contributo como “xerador ou creador de Patrimonio” relacionando ou poñendo en comparación esta posición coa desenvolvida polas agrupacións de navegación tradicional e a Federación Culturmar para falar o destacado da súa labor directa xa non á xeración de Patrimonio senón á recuperación e valorización do mesmo. Tamén, como adoita facer nas súas intervencións, deu conta de todos os outros contidos que aparecen neste número da publicación.

Tras dun animado coloquio cos asistentes pechouse o acto pouco despois das nove da noite, convidando a todos e todas as participantes a achegarse ata Ribeira entre os días 17 e 20 deste mes para participar no XVII Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia.

Tagged , , , ,