Día de Mar en Redes

As xornadas de cultura mariñeira de Caamouco, en Redes, no concello de Ares pecháronse o venres, día 2 de agosto, coa presentación da revista “Nova Ardentía” que edita Culturmar, a Federación de Asociacións pola Cultura Marítima e Fluvial.
Cunha intensa reivindicación do que foi o portiño de Redes e do seu brillante pasado mariñeiro, as Xornadas “Días de Mar” celebráronse, entre o 27 de xullo e o 2 de agosto, na Agrupación Instrutiva de Caamouco, Redes, con actividades que incluíron exposicións, visitas a museos, proxeccións, conferencias, exposicións e presentacións.
Na xornada do día 2, a que poñía o ramo, participaron o investigador Xabier Brisset, colaborador da revista “Nova Ardentía” quen se refireu aos seus artigos arredor da “guerra da sardiña” do litoral galego e ás comunidades mariñeiras dos lugares costeiros que reivindicou, facendo asemade unha louva da calidade da revista que se presentaba, o número 16.
Antón Mascato, Manuel Lara e Emilio Ínsua, membros do consello de redacción foron referindo aspectos da revista. Sendo Lara quen relatou os valores das persoas que envían e publican na revista colaboracións de temática variada, sempre co foco posto no mar e os ríos; precisamente ao transporte de madeira polo curso dos ríos lle dedicou este enxeñeiro de Ferrol un dos seus traballos editados no número que se presentaba, xunto cunha entrevista co biólogo do Oceanográfico de Vigo, Julio Valeiras. Tivo tamén palabras de lembranza para o “Reto Astrolabio” e o seu capitán Javier Babé, falecido abordo da nave que pilotaba no intento de cruzar o Atlántico con medios antigos de navegación.
Antón Mascato, que fixo as funcións de coordinador da mesa, explicou as virtudes das persoas que se dedican nas diferentes asociacións que integran Culturmar e ao traballo desta Federación de Asociacións pola Cultura Marítima e Fluvial ao longo do ano, dándolle soporte ás entidades locais no seu labor de base recuperando embarcacións, organizando cursos e actos, regatas e certames, colleitas de documentación e difusión de coñecemento e os Encontros de Embarcacións Tradicionais, poñendo o foco nos que despois de 30 anos volverán ao porto de Ribeira en 2025, logo do organizado en Sada no ano 2023. Completou a súa intervención referindo os vinte anos de existencia da revista dende o primeiro número deseñado para acompañar á delegación galega convidada aos encontros de Douarnenez, na Bretaña, no ano 2004, xa coa coordinación de Luís Rei, varias veces lembrado neste acto.
Pola súa parte, Emilio Ínsua, o coordinador do consello de redacción de “Nova Ardentía”, comezou referíndose á memoria da publicación que con este novo número xa sobarda as dúas mil páxinas publicadas e mencionando o traballo de Ernesto López Naveiras, un dos dinamizadores da entidade que acolleu as Xornadas de Caamouco, Redes, editado no número 2 de “Ardentía” e titulado “Os mariñeiros de Caamouco no Golfo de México” como exemplo da importancia de termos nesta publicación moita memoria xa acumulada e que está dispoñible para consulta en rede neste mesmo lugar NovaArdentia.gal. Continuou o noso coordinador debullando os tres grandes bloques de contidos nos que organizamos “Nova Ardentía”: Memoria, Cultura e Historia, facendo asemade un percorrido polas diferentes volaboracións do número 16.
No ateigado salón de actos da antiga escola indiana de Caamouco, en Redes, na actualidade un centro social cun activismo cultural moi destacado, estiveron entre a veciñanza de Ares, algúns membros da Agrupación Instrutiva de Caamouco e da Asociación Os Patexeiros de Sada, o coñecido divulgador e mariñeiro Xosé Iglesias e o formador profesional, Roberto Santos, autor dun traballo arredor do bote “Pajarito'” publicado no número de “Nova Ardentía” que se presentaba, un símbolo da tipoloxía tradicional das Rías Altas na que Roberto e Os Patexeiros traballan a prol da súa recuperación e coñecemento. Parabéns á sociedade organizadora destas Xornadas Días de Mar, e que medre o exemplo pola nosa beiramar de Ribadeo ata A Guarda na Foz do Miño, e dende Caminha á Foz do Douro.

Na foto da esquerda, autoría de Roberto Santos, dende a esquerda, Emilio Ínsua, Antón Mascato, Xabier Brisset e Manuel Lara, no acto da Agrupación Instrutiva de Caamouco. A foto da dereita é autoría de Manuel Lara, como tamén o é a que se destaca na entradiña desta nova, coa fermosa fachada do edificio da Agrupación Instrutiva de Redes e Caamouco.

Tagged , , ,