Neste número 16 da Revista galega de cultura marítima e fluvial que titulamos “Oficios de escuma”, incorporamos unha nova sección denominada “Espazos para saber dos mares e dos ríos” que pretendemos estabilizar.
O propósito desta sección é o de axudar a promover a visibilidade e animar a visita a todos eses espazos que en moitos puntos do país, e tamén de Portugal, moi especialmente nas vilas e cidades costeiras, achegan o patrimonio cultural marítimo e o coñecemento sobre os mares e ríos á cidadanía en xeral. Falamos de museos de maior ou menor tamaño centrados na temática mariña e marítima, aulas de divulgación e interpretación, centros de tecnoloxía con espazos de divulgación, etc.
Coa fin de aproveitar o dinamismo da web e tamén por esta vía estimular a visita eses lugares, cada venres faremos o posible por publicar unha nota curta que resoe o que publicamos na Nova Ardentía sobre cada un dos lugares que aparecen reseñados, así ata conseguir referirlos a todos.
Lembrámosvos, tal como o facemos na revista, que para ter os datos totalmente actualizados, non hai cousa como acudir á fonte, por iso cando accedades a estas publicacións, faremos fincapé en ir ás páxinas web que son propias de cada instalación.
Agardamos que sexa co voso agrado!