
O pasado luns 15 de xullo presentamos o número 16 da nosa revista en Bueu, nas instalacións do Estaleiro de Purro, nun acto organizado pola Concellería de Cultura e coa asociación Os Galos como imprescindíbel anfitrioa.
Participaron na mesa a concelleira Carme García, a presidenta de Os Galos Lidia Nieves, os colaboradores da revista José Manuel Dopazo e Artuso Sánchez Cidrás e o coordinador Emilio Xosé Ínsua.
A concelleira deunos a benvida e compraceuse en apoiar unha publicación como a nosa, máxime tratándose dun número onde a presenza de Bueu é tan importante, tanto en cantidade como en calidade, grazas aos traballos, entre outros, de José Manuel Dopazo e Arturo Sánchez Cidrás.
A presidenta de Os Galos tamén se amosou contenta de participar na presentación deste especie de “escaparate de papel” de todo o traballo de Culturmar e de todo o movemento arredor da cultura marítima e fluvial que representa a revista e referiuse aos case xa vinte e cinco anos de traballo da entidade que ela mesma preside, efeméride esta á que a revista dedicará sen lugar a dúbidas un espazo no vindeiro número.
Dopazo Entenza explicou a seguir algunhas das interioridades e enfoques da súa preciosa entrevista con Chefa, a viúva de Staffan Mörling, e revelou a influencia que un artigo de Lola Varela no número 4 de Ardentía exerceu no seu día sobre el á hora de entender definitivamente que o da cultura marítima e o das xentes do mar era un campo de investigación no que quería navegar. Arturo Sánchez Cidrás compartiu tamén os ques e os porqués do seu traballo sobre o naufraxio vivido polo mariñeiro de Bueu Manuel García, (a) “Bobby”, en augas do banco canario-sahariano.
Finalmente, Emilio Xosé Ínsua interveu en nome da revista, glosando a estrutura e os contidos concretos do número 16 e subliñando algunhas das características da publicación, como o carácter desinteresado de todas as colaboracións que acolle, a súa decidida vocación divulgativa sen perda de rigor, a variedade de enfoques e asuntos que aborda e o constante crecemento que está a experimentar, crecemento que se nota, mesmo, no seu número de páxinas.