REIVINDICANDO OS VALORES DO MAR EN CANIDO, FERROL

Dous membros do Consello de redacción da Revista “Nova Ardentía” e dous dos colaboradores do último número, Manuel Lara, Antón Mascato, Roberto Santos e Vicente Irisarri, estiveron o venres 11 de xullo no fermoso Centro Cívico de Canido, en Ferrol, presentando a Revista “Nova Ardentía” que edita Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Foi un acto de afirmación dos valores do mar e os ríos de noso, no que cada participante na palestra referiuse á súa especialidade, se ben ficou ben esclarecida a amplitude e diversidade dos contidos da mesma. Nunha sala ateigada de xente destacaba a presenza de varios membros de asociacións de Ortegal e Ferrol Terra.
Antón Mascato, que coordinou a mesa, presentou ao ferrolano Manuel Lara, como destacado enxeñeiro experto enerxías renovables e patrimonio industrial. Lara referiuse aos tres traballos que publicou neste número: o transporte de madeira polos ríos, unha entrevista con Julio Valeiras, técnico do Centro Oceanográfico de Vigo e á expedición do reto Astrolabio, para facerlle unha homenaxe de lembranza ao seu capitán Xavier Babé.
A presentación do vigués de nacemento e ferrolano de opción, Vicente Irisarri, enxeñeiro, surfista e que foi alcalde de Ferrol (2007-2011) centrouse en afirmar que un artigo arredor da actividade do surf é tan cultura marítima como outro arredor do xeito, das navegacións mercantís, ou sobre un estaleiro “porque todo é mar, nas súas diferentes manifestacións”. Irisarri agradeceu a oportunidade de ver o seu nome na listaxe de colaboradores da revista, prefirindo referirse á cultura marítima como cultura “oceánica”, asegurando que era a mesma idea “porque o mar é un sentimento, cando somos novos sabemos moitas cousas mais non sabemos os por ques das mesmas, só coa experiencia imos descubrindo como son as regras que ordenan o seu funcionamento”. Vicente fixo mención ao seu artigo no que reivindica os valores da actividade do surf: deporte, ecoloxismo, oceanismo, industria sustentable, turismo sostible e economía de proximidade…
Roberto Santos, mestre industrial e membro do asociacionismo de base na cultura marítima do Golfo Ártabro, centrouse en facer unha loa das diferentes embarcacións tradicionais propias de cada un dos mares do gran mar de Galicia, poñendo o foco nun bote propio das Rías Altas, ‘O Pajarito’, dándonos conta do proceso de estudo, medicións e catalogación do mesmo e alertando polo lento mais constante proceso de desaparición dalgunhas fasquías ao longo do noso litoral.
Rematou o acto Antón Mascato que fixo un percorrido pola historia dos vinte anos do asociacionismo a prol da cultura do mar e os ríos, aos Encontros de Embarcacións Tradicionais, á evolución da revista, e afirmando que “nestes vinte anos de actividade, con dezaseis números editados, trescentos colaboradores, medio cento de traballos publicados e arredor de dúas mil páxinas estamos facendo unha obra de autoría colectiva: a gran enciclopedia do mar de Galicia e Portugal”. Sinalando que dende o primeiro número, de 2004, ao actual pasouse de 64 páxinas ás 160.
Pechouse a presentación con palabras de lembranza para o seu primeiro coordinador, Luís Rei, a quen remudou o compañeiro Emilio Ínsua que tamén tivo o recoñecemento ao seu labor eficiente.

Tagged , , ,