Helena Pousa, Xuíza de Honra do Couto Mixto.

Este sábado, día seis de xullo, é nomeada Xuíza Honoraria do Couto Mixto a compañeira do Consello de redacción da revista “Nova Ardentía” que edita Culturmar, a Federación de Asociacións pola Cultura Marítima.
A nosa compañeira naceu en Goián, ao pé do Río Miño, no concello de Tomiño. A ese lugar e río dedicoulle os seus principais traballos de investigación e divulgación da cultura fluvial na que é unha experta en temáticas como “as pesqueiras”, “a construción de embarcacións axeitadas para o río”, ou “o carocho”.
Fixo estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa, sendo profesora, e tamén centrou no río Miño o obxecto das súas investigacións, como as peculiaridades do “acento goianés”, ou as diferentes manifestacións lingüística na fronteira galego-portuguesa.
Aínda atesoura unha terceira compoñente que ten que ver cos traballos de investigación sobre a Memoria Histórica e o territorio que vai de Oia a Tui, sendo a presidenta da súa Asociación pola Memoria.
Por iso nos alegra tanto o recoñecemento que lle fan os membros da directiva da Asociación de Amizades do Couto Mixto, destacando os seus traballos á volta do río, e das comarcas nas que está inserido: o Baixo Miño, visto con ollos galegos e o Alto Minho se a mirada é dende Portugal.
O Couto Mixto é unha entidade que tivo recoñecida a súa independencia dos estados, monarcas absolutistas e xustizas española e portuguesa dende a Alta Idade Media, sendo lugar de refuxio de perseguidos, de cidadáns libres de impostos e vasalaxes, e territorio rexido por un Xuíz e os Homes de Acordo, unha Xunta veciñal que resolvía conflitos de xeito democrático. Situada na Raia Seca, comprendía lugares, parroquias e concellos que na actualidade son territorio administrativo de Galicia ou Portugal, por mor dun Acordo de Lisboa no que se alegaba que esa independencia era motivo da frecuencia de contrabando e do refuxio de malfeitores, cando en realidade se trataba dunha forma avanzada de autoorganización popular.
O nomeamento de tres xuíces e xuízas cada ano renova a tradición secular e mantén viva unha singularidade administrativa de enorme importancia. Beizóns aos que foron os principais valedores da revalorización do Couto Mixto, hai agora 25 anos, e dende aquela, sen desviárense da liña trazada: o historiador Luís García Mañá e o activista cultural e lingüístico Xosé González Martínez.
Parabéns compañeira Helena, moito imos gozar co teu recoñecemento.