Nova Ardentía #16 no incomparable marco dos xardíns do Pazo de Fefiñáns

Tivemos onte día 1 de xullo a honra de celebrar o primeiro dos actos da Semana Cultural O noso mar que promove a Asociación de Amigos de Fefiñáns. Beizón a esta organización por ter acollido a presentación da nosa querida revista nun lugar tan fermoso como son os xardíns do Pazo de Fefiñáns, na vila de Cambados.
Debaixo dun magnolio centenario, acompañados pola Presidenta da Asociación, Maribel Iglesias, que deu apertura ao acto e fixo síntese do interesantísimo programa que teñen previsto para toda a semana, e tamén polo concelleiro de cultura de Cambados, Liso González Roma, o compañeiro Antón Mascato encargouse de guíar e introducir as intervencións de presentación da revista Nova Ardentía #16.
Rosa Fernández Otero, a participante máis recentemente enrolada no consello de redacción da revista, contou como xurdiu e se meteu na lea de revisar os nomes das embarcacións da frota pesqueira e auxiliar do país para escribir o artigo que vai neste número da revista. Comentou algunhas das conclusións as que chegou ao facer este traballo e animou á lectura por persoas de calquera xeración e condición, pois a Nova Ardentía ten como unha das súas intencións ser realmenten unha canle divulgativa, accesible a todos os públicos, sen perder por isto rigorosidade nos contidos que ofrece.
A continuación, Francisco Fernández Rei fixo un percorrido polos primeiros números da revista, explicando que esta foi, dende o inicio, unha iniciativa impulsada dende a Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial que depositara en Luis Rei o encargo da coordinación, coa colaboración estreita tamén de outras persoas ben coñecidas no eido da Cultura Marítima como foi o caso de Dionisio Pereira.
Paco contounos tamén a súa motivación e o que atopara ao estudar as referencias léxicas de ardora ou  ardentía e termos relacionados. E revelounos a sorpresa que atopara ao estudar unha acepción da ardentía que se dá pola zona da Costa da Morte e que pouco ten que ver co fenómeno bioluminiscente, parafraseando a Paco, como lle chaman os enterados.
Emilio Ínsua, coordinador da Nova Ardentía dende o número 9, pechou as intervencións sobre a revista centrando a súa exposición no número 16, “Oficios de escuma”. Relatou para o agradecido e atento público que nos acompañou, que este título reproduce un verso e fai homaxe a Luisa Villalta, a escritora á que se lle adicou o día das letras deste ano. Salientou o compromiso da escritora co país, coa cidade da Coruña e co mar, polo que loitou con especial intensidade fronte á catástrofe do Prestige.
Emilio foi, case un por un, comentando todo o contido da revista, facendo asi que cada artigo, cada sección, das xa establecidas e tamén das novas, chamase a atencion e convidase á audiencia a explorar o detalle a través da lectura. Non faltaron mención e recoñecemento a quen a pesar de xa non estar entre nós permanecen na memoria pola importantísima labor que fixeron a prol da cultura marítima e fluvial. É o caso do antes referido Luis Rei; do sabio antropólogo de orixe en Suecia que afincou na nosa terra e tanto fixo pola recuperación e a posta en valor das embarcacións tradicionais, Staffan Morlïn; e tamén de quen nos deixou hai moi pouco mentres cumpría un soño, a xesta de atravesar o Atlántico utilizando tan só instrumentación de navegación tradicional, íntegramente analóxica.
O abrocho do acto ofrecéunolo o magnífico Anxo Angueira. Os méritos académicos do de manselle son tan salientables como a súa xenerosidade e o seu trato tan amable. Recitounos unha peza do poemario “Palmeiras, Piueiros” co que dúas dornas, Hermosinda e Roxiña, nos levaron a todos na súa xeira a percorrer o pais, case de punta a cabo, de con en con, polo mar e polos ríos, dende A Garda ata Viveiro. Nesta fermosísima viaxe literaria case podiamos sentir o aire do mar cara, o salitre, o sol…o verdadeiro sentimento de liberdade, ese que nos da capacidade para guiar o noso rumbo…veleando. O que nos permite entendernos na nosa língua con calquera outra, a que pon en cada rostro igualdade e nos fai admirar e respectar a cultura do mar coma un patrimonio esencial para a humanidade. Hermosinda e Roxiña… dornas, mulleres, tamén nais.

Dende a esquerda Anxo Angueira, Francisco Fernández Rei, Antón Mascato, Rosa Fernández Otero, Emilio Ínsua e Liso González Roma. Fotografía de Manuel Lara, membro tamén do consello de redacción da revista.

Tagged , , , ,