O espazo cultural Porta XIII acolleu a presentación de Nova Ardentía #16 en Vilanova de Cerveira

Por Antón Mascato e Emilio Ínsua 29/06/2024

Nun acto celebrado no espazo cultural A Porta XIII de Vilanova da Cerveira, con asistencia do seu director, o escritor angolano Luandino Vieira, e do directivo do Museu Marítimo de Esposende, Fernando Loureiro Ferreira, entre outras persoas, tivo lugar a presentacióm da revista “Nova Ardentía” de Culturmar, a Federación das diferentes asociacións que traballan pola cultura marítima e fluvial.
No acto participaron os membros do consello de redacción Antón Mascato, Ivone Baptista, Emilio Ínsua e Helena Pousa, por esa orde dende a esquerda, na foto de Santiago Baz Lomba, a quen lle agradecemos a xentileza da cesión.

A Livraria Porta XIII está situada no centro histórico da localidade. Está especialmente virada para o xénero poético e para a arte plástica. Trátase dun local acolledor, cálido e íntimo, que propicia fuxir de todo retoricismo e falar en conversa próxima. Nesta libraría é habitual que se celebren periodicamente recitais poéticos e presentacións de libros galegos, moitos deles das Edicións Positivas de Francisco  Macías.
O acto converteuse nunha amena sesión de contadas de episodios mariños con destaque para a vida das gaivotas e nenos arriscadísimos nas Illas Berlengas, da infancia de Ivone; ou da carne dos porcos con intenso sabor a peixe por aliméntarese na beira do mar de grandes cantidades de sardiña e dos porquiños pescadores no sul de Angola aos se que referiu con graza o Luandino. Xaora falouse dos vinte anos que xa ten a revista na súa traxectoria marítimo cultural, ponderando a importancia que Luís Rei tivo para o seu deseño e orientación xeral. Glosáronse tamén algúns dos traballos presentes neste número 16, subliñando a súa variedade e amenidade. E, por último, contáronse algúns detalles sobre a intensa colaboración que, desde o primeiro número da revista, se ven dando entre persoas e colectivos das súas marxes do Miño, sempre caracterizadas pola fraternidade.

Entre o público había xente tanto galega como portuguesa. Contamos, ademais, coa grata presenza de Fernando Ferreira, presidente do Fórum Esposendense e colaborador en números anteriores da revista.
Na Porta XIII xa é posible mercar a “Nova Ardentía”, o número que vén de publicarse e moitos dos números anteriores. Seguimos navegando e amarrando o barco en novos portos de abrigo.
Obrigados, Porta XIII.

Dende a esquerda por esta orde: Antón Mascato, Ivone Baptista, Emilio Ínsua e Helena Pousa. Imaxe de Santiago Baz Lomba
Tagged , , , , ,