Onte, o vento e as velas leváronos terra dentro ata a parroquia de Souto, ao lugar de Torreboredo, na Estrada. Como xa anunciamos nesta sección da web, alí celebrábase a Feira do Mar na Terra. Esta é unha das moitas iniciativas que promoven María Rivas e Uxío Alho, os responsables dun proxecto de emprendemento, Namoreiras, con cerna no rural, no ecolóxico, no respecto fondo pola cultura, pola saúde, pola terra e polo mar. Moito lles agradecemos o empeño en sacar adiante este soño no que nos convidan a participar. E moito agradecemos tamén que a ocasión atraese a máis de cincuenta persoas de diferentes lugares do país. E pensamos nós que seguramente serán tamén todas elas algo soñadoras, pois a pesar da choiva abondosa e dos refachos de vento, decidiron que ben merecía a pena achegarse ate alí a celebrar ese encontro arredor dos saberes do mar, en terra.
Como anunciara o programa, alí estivo moi presente o Luís Rei, a través das palabras sempre emotivas e necesariamente reivindicativas dos seus amigos Emilio Ínsua, Francisco Fernández Rei e Antón Mascato. Tamén as dalgunhas das persoas e representantes de colectivos que que compartiron con el o esforzo incesante e visionario de poñer en valor o patrimonio material e inmaterial asociado á cultura marítima e fluvial. Os carteis que el mesmo elaborara con este propósito e para ilustrar as diferentes iniciativas que se emprenderan nos anos 90 e primeiros dous mil, penduraban das paredes e lembrábannos todo o traballo que houbo detrás do que hoxe pode parecer un proxecto consolidado. Longa vida!
Unha ferramenta coa que esparexer a semente dese patrimonio, coa que recoller unha pequena parte dese inmenso legado e coa que dar difusión aos encontros pola recuperación das embarcacións tradicionais e a todas as iniciativas a prol da cultura marítima e fluvial é a revista que tamén Luís Rei impulsara, alá polo ano 2004, co nome de Ardentía e que hoxe seguimos a editar como Nova Ardentía. Tamén na Feira do Mar en Terra tivemos un espazo para falar un pouco dela, de animar a lela, a difundila e por suposto tamén a colaborar con calquera achega sexan relatos de vivencias, fotografías, ou calquera material relacionado co ámbito da publicación.
E tamén nos presentaron un proxecto editorial independente chamado Patasdepeixe que traduce ao galego e edita fermosos albumes ilustrados para os máis cativos.
As charlas e as conversas estiveron moi gratamente amenizadas pola guitarra de Manolo Bacalhau que nos fixo partícipes da súa interpretación de versos de Rosalía de Castro e tamén de Fermín Bouza Brey.
E logo o xantar. E coa sobremesa seguiron as conversas e os debates e Antón Mascato lembrounos a memoria do Novo Endem, no que fuxiran da represión franquista 18 mariñeiros que partiron dende o porto do Grove cara a Francia alá polo 1937. María Rivas (Namoreiras) e a ilustradora Rosa Cabanas presentáronos unha iniciativa na que se combinan arte, rebolos e memoria. Unha edición en caixa de Namoreiras, que leva a ilustración de embarcacións da memoria como a do emblemático Novo Endem.
E alí, naquel particular eitón, animados e guiados novamente por Antón Mascato, xuntáronse a conversar os irmáns Manuel e Miguel Eduardo Parada, dos Amigos da dorna meca, Uxío Alho da Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa, e Lidia Nieves, da Asociación Cultural Os Galos de Bueu que reflexionando sobre o pasado, presente e futuro das asociación pola cultura marítima recibiron tamén nese espazo ao recentemente nomeado membro numerario da Real Academia Galega, Anxo Angueira Viturro. O de Manselle agasallou a conversantes e público cun fermoso poema do seu poemario Palmeiras, Piueiros.
Así foi a primeira das xornadas da Feira do Mar en Terra. Con seguridade a axenda do domingo había desenvolverse coa mesma intensidade, sensibilidade e bo gusto, mais lamentablemente xa non puiden acompañar o segundo día.
Penso que unha das cousas máis marabillosas que nos poden acontecer é constatar que cada día hai un mundo por descubrir. Así é que comprobamos que pode haber moito mar na terra, e moito da terra no noso mar. Grazas Uxío e María.