Crónica da recalada da Nova Ardentía en Moaña

Na imaxe da esquerda Manuel Lara, Emilio X. Ínsua, Rosa F. Otero e Pedro P. Riobó. Na imaxe da dereita, Antón Mascato e Asunción Soñora Abuín. Fotografías publicadas no facebook polo Concello de Moaña.

O pasado día 6 de novembro, volvemos acudir a un dos lugares máis emblemáticos da valorización da cultura marítima de Galicia, os felizmente recuperados estaleiros de Carlagho e Casqueiro, no lugar de A Seara, en Moaña. Este espazo agora musealizado con excelente resultado, acolleu, como xa o fixera ao pouco de inaugurarse, a presentación do número 18 da Nova Ardentía, Coa rosa dos ventos no corazón.

Os bos amigos da Asociación Cultural e Recreativa Sueste que, como a revista, forman parte da Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar,  e o Concello de Moaña fixeron de anfitrións, coa vicepresidenta, Asunción Soñora dando a benvida e acolléndonos con todo o agarimo na súa casa.

Antón Mascato guiou as intervencións, introducindo a sesión e as persoas participantes. Tamén destacou o novo número da revista Sueste, que a Asociación anfitrioa edita, felicitándoos polo traballo e polo seu resultado.

A primeira das intervencións foi a de Pedro P. Riobó, descendente dunha das familias que se iniciaran no negocio e o oficio da carpintería de ribeira na bisbarra, en concreto, de quen puxera en marcha o coñecido como estaleiro de Casqueiro, o seu avó José Riobó Rúa (O Casqueiro). No artigo que aparece publicado neste número 18 da Nova Ardentía, recolle o detalle da historia destes estaleiros, dende os antecedentes da carpintería de ribeira na vila de Moaña até a recuperación actual dos emblemáticos estaleiros. A intervención de Pedro foi particularmente emotiva porque a levou ao plano das súas vivencias persoais. Contounos como de neno botaba unha man nos traballos, nese mesmo lugar no que estabamos. Traballando e gañando os primeiros cartos axudaba ao esforzo que supuña para as familias humildes, ter os fillos a estudar. Mentres falaba sinalaba coa man o que había no espazo e explicaba o que se facía en cada lugar do establecemento. Axudounos así a facer unha pequena viaxe no tempo a través da súa memoria persoal e familiar.

Logo falaron algúns dos membros do consello de redacción da revista alí presentes. Manuel Lara Coira, que tamén é presidente da Asociación Buxa, fíxoo poñendo o foco na relevancia dos traballos de catalogación do patrimonio marítimo como se recollen no Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia. Como noutras ocasións, Manuel animou aos presentes a entrar no visor da páxina web e valorar o que se recolle das zonas que mellor coñezan e tamén a establecer contacto se detectasen a falta dalgún elemento relevante ou calquera imprecisión. Rosa Fernández Otero fixo unha denuncia do mundo do consumo rápido no que vivimos. Consumo rápido tamén da cultura, que fai que a oferta tamén escore cara ao superficial e o efémero. Reclamou resistencia e a dedicación de tempo a ler, a xuntármonos para falar das cousas que nos importan, a valorizar as embarcacións, a navegación e a cultura marítima e fluvial do país. Reivindicou o traballo da Nova Ardentía como un traballo só gozoso se se asimila desta maneira. Aproveitou para falar da recensión dun dos libros que aparecen na sección Sino de Proa. Trátase dunha publicación titulada “Cetáceos, Focas e Tartarugas Mariñas das Costas Ibéricas” de Xosé Manuel Penas-Patiño e Antonio Piñeiro Seage, de 1989. Rosa púxoa tamén como exemplo dunha tipoloxía de publicacións que se deben promover máis dende as administracións por ser didáctica, rigorosa no seu contido, cunha edición sumamente coidada, cunhas ilustracións moi fermosas e moi ben contextualizada. Tanto a súa elaboración como o seu desfrute son incompatibles con ese rampante modelo de vida apresurada, ansiosa e fondamente alienante.

Emilio X. Ínsua, coordinador do consello de redacción, puxo o ramo á sesión desenfiando coma sempre, con moita orde e coidado, unha magnífica revisión do contido da revista. Agradecendo a oportunidade que nos ofreceron os compañeiros e compañeiras de Sueste, o Concello e o público asistente, percorreu as diferentes seccións, destacando algúns dos textos como exemplos da diversidade e do carácter divulgativo da revista. Estes son sempre valores que Emilio destaca nas súas intervencións. Resulta importantísimo que moitas persoas poidan atopar algún contido do seu interese e que quen acceda á revista teña unha expectativa clara sobre o tipo de material que vai atopar nela.

Tagged , , , , , , ,