

O pasado día 14 de novembro, sábado, estivemos na Guarda, no local da Asociación Piueiro, onde coma noutras ocasións a Nova Ardentía sentiuse magníficamente acollida. O coordinador da redacción, Emilio X. Ínsua, fixo un percorrido pola revista, polo seu contido, polo que ten de proxecto comunal e pola intención e o compromiso da publicación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar e de quen participamos na súa elaboración. Compromiso enfocado na cultura marítima e fluvial, no noso país e no país irmán, Portugal. A compañeira Helena Pousa encargouse da organización e fixo as veces de anfitrioa, encargándose de dar paso ás intervencións dun sabio do mar, do Sr. Tito O Chirro.
Neste número 18 da revista aparecen publicados unha entrevista sobre a súa historia de vida e os seus saberes e un artigo sobre O Alcharife E As Quebradas Do Miño. Na entrevista, da que Helena Pousa é autora, fainos ver con claridade que unha historia de vida no mar, tal como nola transmite o Sr. José Benito Rodríguez González, Tito O Chirro, é unha historia da pesca, unha historia das vilas mariñeiras, da nosa xeografía, das nosas xentes… En definitiva, contén unha chea de ingredientes que permiten entender o país poñendo o punto de mira na pesca, nos ríos e no mar. A intervención do Tito O Chirro na presentación, igual que o artigo sobre as quebradas do Miño ensínanos unha chea de cousas sobre os aparellos, a navegación, as manobras da pesca e a súa evolución no tempo, pero sobre todo revélanos unha fermosa relación de simbiose entre a pesca fluvial e a pesca no mar da que non é frecuente escoitar falar.
Helena Pousa publica tamén un relato da xornada que vos aconsellamos consultar na web INFOGAUDA: UN ESPAZO DE INFORMACIÓN TRANSFRONTEIRIZA: CULTURA
Sempre é un pracer e un luxo impagable compartir estes momentos de conversa aberta arredor da cultura do mar e dos ríos. Así seguiremos pois, agradecidos da amable acollida.

