
Acotío teño a impresión de que Galicia é o país no que calquera persoa pode vivir en permanente descuberta. Habería que vivir tres vidas nunha e así a todo non sería posible ter sequera iso que chaman a ilusión do coñecemento.
Hai lugares tan significados por algunha faceta concreta, ora paisaxe, ora arquitectura, economía ou mesmo formas de vida predominantes, que agochan sen querelo, aquilo que os que non somos íncolas do lugar, descubrimos como tesouros. Son tesouros case sempre insuficientemente protexidos e valorizados.
Ferrol é un deses lugares. Achegarse ao Ferrol Vello é entender que ese núcleo de casas e camiños irregulares e empinados deu orixe á cidade de hoxe en día. Tal lugar conserva aínda elementos que dan evidencia do seu carácter mariñeiro, e o peirao de Curuxeiras é un deles. Esta fin de semana, celebrábase alí a Festa da Parrocheira que pretende tamén dar testemuña para propios, “venideros” e visitantes da raizame mariñeira da veciñanza ferrolá.
Alí fomos dende a Nova Ardentía, amablemente convidados pola Sección de Embarcacións Tradicionais do Club do Mar Ferrol, e recibiunos Arturo Loureiro como anfitrión. Foi el o encargado de abrir o acto e presentar os compañeiros do consello de redacción da revista, Xaquín Lores, Manuel Lara, e Emilio Ínsua.


Xaquín Lores falounos dunha das súas achegas neste número 18. A descuberta do Ferrol de 1894, entre os traballos dun militar debuxante da mariña sueca, Jacob Hägg. Destacou e foi prolífico debuxante e pintor, e a súa obra é ben recoñecida e forma parte do acervo dos prestixiados museos marítimos do país escandinavo. No seu paso por Ferrol naquel final do século XIX, elaborou varios debuxos sobre o que observou aquí. Catro deles están na colección dixitalizada do museo de historia marítima que Xaquín explorou. Dous deses catro debuxos miran ao mar de Ferrol e ofrecen un valor documental importantísimo tanto da paisaxe da Graña, como singularmente das tipoloxías de embarcacións a vela que navegaban nesta ría.
Manuel Lara, a continuación, explicou primeiro por que e para que o Censo do Patrimonio Marítimo, dentro do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Salientou o rigor do seu desenvolvemento e que supuxo un importante esforzo de catalogación, tendo pasado de 900 a máis de 1400 elementos de patrimonio censados. Isto ten aínda máis importancia ao saber que, polo de agora, recolle exclusivamente patrimonio material inmoble na franxa litoral; logo, quedan aínda fóra moitos elementos como embarcacións, patrimonio arqueolóxico, somerxido ou mesmo o patrimonio marítimo militar. Manuel destacou, a seguir, algúns dos elementos específicos censados na zona, tales como o primeiro dique seco construído en Europa; un vello areeiro na enseada da Malata, nun lateral da praia de Os Curas; diferentes ramplas e embarcadoiros, e tamén nos falou da maneira en que aparecen recollidos Ferrol Vello e o Porto de Ferrol. Animou a todas as persoas asistentes a visitaren o sitio e faceren novas achegas ou correccións.
Emilio Ínsua, como xa é habitual, pechou a presentación facendo navegación de cabotaxe polo contido da revista. Recalou especialmente nas achegas que teñen unha relación máis directa coa ría de Ferrol. Tamén o fixo, como non, na sentida perda acontecida xusto antes de finalizar este número, da compañeira Ivone Baptista de Magalhães e no que o seu traballo, as súas propostas e as do do seu irmán João representaron tanto para a revista como para a propia Culturmar.
Emilio animou a todos e todas as presentes a coñecer a publicación de primeira man para comprobar a diversidade do seu contido e tamén as convidou a colaborar con novas achegas. Diversidade e apertura son dúas características da revista que desexamos manter intactas, pois, como Emilio explicou, estiveron na visión do que a Ardentía debería de ser dende a súa concepción orixinal por Luís Rei, que tamén nos deixou para ir navegar outros mares, hai xa once anos.
A recuperación da memoria pesqueira e mariñeira non se pode entender sen as súas embarcacións tradicionais e os saberes da súa construción. A pesar das non poucas dificultades, dos esforzos de varias décadas e das horas baixas nas que está esta sección do Club do Mar de Ferrol, como nos contou Arturo, aí continúan os azos da súa travesía. Nesta fin de semana xuntaron unhas 7 embarcacións entre as propias e as que viñeron de Sada, dando conta da boa irmandade cos Patexeiros que na actualidade se encargan de manter navegando algunhas das embarcacións que orixinariamente eran da ría de Ferrol.
Unha delas é o bote Canouro. Jaime, José, Pepe e Agustín déronos a oportunidade de saír navegar con eles e nunca poderemos agradecer suficiente unha experiencia tan fermosa. O día non podía ser mellor, aínda que no mar había algo de “borreguillo”. Explicáronnos que é un mar de vento ao que cómpre andar algo atentos por se fose a máis, pero logo amainou. A travesía foi magnífica. Todos amosaban dominio extraordinario do que facían, boa harmonía e coordinación entre eles, e ese desfrute tan singular da liberdade que dá ver a costa dende o mar. A bordo, no medio da ría, todo é horizonte!
Entre virada e virada, cunha excepcional amabilidade, Agustín foinos informando de todo o que podiamos ver dende a embarcación. Un pouco de arquitectura e patrimonio, un pouco sobre o naval e a infraestrutura militar na zona, o que aínda todos recoñecemos como Astano e o infortunio da Ponte das Pías, un pouco sobre a memoria democrática do lugar e a lancha de Mugardos… ata falamos dos nosos traballos, de coñecidos comúns e, como non?! dos lugares e maneiras no país onde comer o mellor polbo!



De volta en terra, estabamos convidados a ir celebrar o 90 aniversario do Enxebre. Susa, a súa propietaria e patroa, agasallounos cun moi saboroso petisco da historia deste bote. Contounos como con moita habelencia conseguira unha copia da folla de asento orixinal da embarcación. Sábese, grazas a isto, que o bote acaba de cumprir os 90 anos e que orixinalmente se chamaba El Marino. Fora armado por un mariñeiro de Mugardos, pai de catro fillos, chamado Manolo e alcumado Carajillo. Aproveitou con moito acerto esta muller para reivindicar a súa condición de ser tan boa patroa coma calquera patrón. Reclamou tamén que o apoio das administracións non é para manter a propiedade privada, do que xa se encargan, senón para poder desenvolver en mellores condicións os labores necesarios para que ese traballo garanta a vida e desfrute comunal das embarcacións. Destacou que Galicia atesoura moitas embarcacións tradicionais auténticas mentres noutros lugares, practicamente todo o que se conserva son réplicas. En Galicia hai verdadeiras alfaias vivas e plenamente conservadas para seguir en activo, para seguiren a navegar, e iso ten un valor incalculable polo que as administracións deberían apostar decididamente.



No camiño de volta á casa, na autoestrada, pasei a man pola cara e notei que me quedara o salitre nela e no pelo, pareceravos parvada, non quixen ir lavalo. Volvín con el a aquel tempo no que sendo meniña, se me mollaba no mar, secaba logo ao sol e lambía os brazos que me sabían ao sal.

