Na Casa da Cultura “Lueiro Rey” de O Grove tivo lugar o venres 7 de febreiro de 2025, ás 20 horas, o acto de entrega do primeiro premio de Cultura Marítima e Investigación Luís Rei, convocado polo Concello de O Grove e que correspondeu ao traballo titulado Cons, touzas e petóns. Talasonimia da ría de Arousa, de Helena Domínguez.

En nome do xurado, do que formaba parte representando a propia Culturmar a escritora Susana Sánchez Aríns, tomou a palabra diante do numeroso público que enchía a sala Francisco Fernández Rei, numerario da Academia Galega e membro do consello de redacción de Nova Ardentía. Paco glosou a figura de Luís Rei como activista da cultura marítima e deu conta dalgunhas das características e excelencias do traballo premiado.
A propia gañadora, Helena Domínguez, fixo a seguir o seu discurso de agradecemento, que acompañou, ademais, dunha entusiasta explicación sobre a riqueza e valor dos nomes do noso mar, síntoma evidente da creatividade e do profundo saber das súas xentes.
A vicepresidenta de Culturmar, Nuria Saborido, felicitou a gañadora, congratulouse da iniciativa do concello meco e desexou moitas novas edicións para un premio que pon en valor a cultura que dá sentido a todos os grupos que conforman a Federación e honra a memoria dun dos seus activistas máis relevantes.
Finalmente, o alcalde da localidade fixo unha breve intervención na que, entre outros aspectos, comprometeu a dotación e continuidade do premio para unha vindeira edición. Varios rapaces de O Grove deleitaron as persoas asistentes, no comezo, no intermedio e no remate do acto, coa interpretación de diversas pezas musicais, tanto cantadas como tocadas ao piano e ao violín.

Fotografías e texto aportados por Emilio Xosé Ínsua López.