O vento levounos onte á tarde ao lugar onde o mar da Ría da Arousa e da de Pontevedra intercambian as súas augas sen fin. Fomos a San Vicente do Grove, e máis en concreto O Quinteiro de Temperán, amable e xeneroso anfitrión da xornada. Alí, guiados por Eduardo Parada, presidente dos Amigos da dorna meca, e por Emilio Ínsua que, entre moitas outras facetas, é coordinador editorial de Nova Ardentía, fixemos máis unha vez memoria para honrar a figura de Luís Rei Núñez. Emilio fixo un percorrido moi didáctico pola vida e a obra do seu benquerido Luís. Vida e obra que, lamentablemente e ao parecer, non son suficiente alicerce para oficializar o seu valor como referente na vila por iniciativa institucional para darlle recoñecemento no espazo público.
A biografía de Luís Rei xa mesmo ten páxina no Álbum de Galicia, do Consello da Cultura Galega. Luís é referente indiscutible da biografía e obra de Ramón Cabanillas a partir da súa “Crónica de desterros e saudades”, do cura agrarista Basilio Álvarez como queda patente en “Basiliana”, da cultura marítima do país, a partir das múltiples iniciativas que promoveu e a prol das que traballou, como a mesma revista Ardentía, entre outras moitas. Honrada dignamente a súa figura na vila de Cambados, non ten un espazo de recoñecemento público no lugar que o veu nacer, O Grove. Lugar do que ademais deixou sobradas mostras de amar profundamente. Para máis tristeza, non é este sequera o único caso de fomento institucional pola vía da inacción, da desmemoria local para as xeracións que están por vir. Que custo tan grande ten isto para o futuro fronte a un investimento tan xusto coma necesario, que sería ben pequeno no presente!
Porén, a veciñanza pode demostrar que ten a capacidade non só de proposta senón tamén de acción. Se cadra é o momento de tomar a iniciativa e resolver alí onde quen debería facelo non actúa. Con certeza, as persoas que onte nos xuntamos no Quinteiro eramos só unha moi pequena mostra de todas as que podemos estar dispostas a xuntar esforzos para atender a esta importante débeda coa nosa cultura. Quedamos emprazados a continuar.