
A conmemoración do décimo aniversario do pasamento de Luís Rei inclúe actos de homenaxe en dúas datas próximas, o 11 e o 15 de agosto, na que foi a súa vila natal, O Grove. O memorial está organizado polo Grupo Etnográfico Mascato e conta coa colaboración da Asoc. Dorna Meca; Culturmar; a Galería Besada; a Asoc. Os Amigos do Quinteiro; e Bloque Nacionalista Galego do Grove.
O venres día 15
En Moreiras, Reboredo (O Grove) daráse inicio a este segundo día do Memorial Luís Rei ás 10 da mañá cunha arribada de embarcacións tradicionais organizada pola Asociación Dorna Meca e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
A continuación terá lugar a presentación da publicación _A Palabra Sempre en Alto. Traballos inéditos e dispersos. Luís Rei_ a cargo de Javier Rey Núñez, Sabela Rei, Rebo, Isabel González Avión, Emilio Ínsua, Francisco Fernández Rei e Antón Mascato.
A xornada continuará cun coloquio aberto arredor da figura de Luís para pechar cun concerto de música tradicional que se terá inicio ás 14 horas.