Crónica do Coloquio arredor do bote Manuel e da Revista Nova Ardentía, no Museo Meirande.

Onte sábado, 9 de novembro, tivemos o pracer de asistir e de acompañar a Emilio X. Ínsua na súa participación no Coloquio arredor do Bote Manuel e da revista Nova Ardentía, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

O acto estivo organizado polo Concello de Redondela e a Asociación A Lagoa dos Bébedos. O filólogo Xurxo Martínez que é responsable de normalización lingüística neste concello, foi o encargado de dar inicio ao acto e de presentar aos participantes.

A primeira das intervencións foi a de Emilio X. Ínsua que explicou a historia da Nova Ardentía, a súa vinculación a Culturmar e como fora o xermolo que deu lugar hai xa vinte anos ao que hoxe en día é a revista. Tamén se detivo en salientar a riqueza da cultura dos mares e dos ríos no país e a estreita relación que tamén nos une coa das vilas e as xentes do mar e dos ríos en Portugal. É esa riqueza e diversidade o que a revista pretende capturar nas súas páxinas para deixar constancia desta realidade cultural e transmitila para a xente do común.

A seguinte intervención e principal no acto foi a do Sr. Faustino Otero. El é o propietario da embarcación que a Asociación Lagoa dos Bébedos, en colaboración co Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela restaurou e ten agora exposta, para desfrute do público, no Museo Meirande. O bote Manuel, que así se chama a embarcación, ten unha construción  singular da enseada de San Simón. Porén o máis importante deste bote  é a memoria que ten asociada, a que Faustino recreou en primeira persoa, contando as vivencias propias, as da súa familia, as que lle transmitira o seu admirado pai. Vivencias que retratan episodios do noso pasado que transcenden a memoria persoal para seren historia da vila, da comarca, do país e mesmo parte da historia mundial. O reparto de víveres e roupa aos presos no campo de concentración que foi durante a ditadura franquista a Illa de San Simón; o transporte dos presos que fondamente conmovido nos relataba Faustino para seren asasinados ao chegar a terra; o socorro de naufraxios; o transporte de xudeos apresados polas forzas da Alemaña nazi e desprazados até a ría de Vigo; e mesmo a colaboración nas labores que desenvolveron as expedicións de recuperación dos galeóns de Rande…. todo isto vai pegado á historia deste bote.

Na actualidade a Asociación Lagoa dos Bébedos está a traballar na construción dunha réplica da embarcación para recuperar a esencia do que ofrecía ese bote que é a experiencia de navegación. Desexámoslles boa proa e que o novo bote poida ser desfrutado pola veciñanza e pola xente que traballa a prol da recuperación da cultura do mar e dos ríos.

O acto pechouno a alcaldesa Digna Rivas, que agradeceu as intervencións dos participantes e do público e salientou tamén a importancia destas iniciativas de recuperación da memoria e de posta en valor de elementos tan valiosos da nosa cultura.

Moito lle agradecemos a Ana Prieto Domínguez, responsable de comunicación no Concello de Redondela, que nos facilitase as imaxes que publicamos deste acto.

Na fotografía da esquerda Emilio X. Ínsua de Nova Ardentía, Faustino Otero, propietario do Bote Manuel e Domingo González Amoedo, da Asociación Lagoa dos Bébedos. Na imaxe da dereita, entre o público a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o responsable de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, e os compañeiros da Nova Ardentía, Antón Mascato e Helena Pousa.

Tagged , , , , ,