Nova Ardentía recibe unha excelente acollida no Centro Goianés

A tripulación da Nova Adentía continúa a súa navegación de cabotaxe, levando a revista de lugar en lugar, a portos de mar e de río, como lle corresponde ao ser unha publicación da cultura marítima e fluvial de Galicia e tamén do Norte de Portugal.  Desta volta, a cita ofrecíasenos na ribeira do Miño, en Goián, no municipio de Tomiño, con Vilanova de Cerveira, na marxe sur.

O lugar de encontro foi o auditorio do fermoso edificio do Centro Goianés. Unha construción de 1916, de estilo indiano, que actualmente fai as veces de espazo para usos culturais e de lecer da veciñanza.

A compañeira do consello de redacción da revista, Helena Pousa Ortega, fixo as veces de anfitroa, dándonos a benvida ao lugar. Agradeceu a presenza e a atención dun público ben numeroso, que seguiu con moito interese o que lles contamos. Helena explicou que a Nova Ardentía é a revista de cultura marítima e fluvial da Federación Culturmar, e explicou que Goián ten estado presente en diferentes números desta publicación nos que aparecen traballos que falan da tradición mariñeira e  pesqueira do lugar, e tamén dos artistas daquela zona. Así, neste número 16, Helena dedícalle un moi interesante traballo á pintora guardesa, Alicia Alonso.

A continuación da introdución e das presentacións dos que alí estabamos en representación da revista, colleu o temón Emilio Xosé Ínsua, o coordinador da redacción. Narrou, como sempre, con moito atino e equilibrio nos detalles, a historia e razón de ser da Nova Ardentía. Deu as claves para entender as orixes, o nome, a estrutura e tipo de contidos, e fíxoo salientando como tamén fai sempre, a intención divulgativa da publicación.

Finalmente Rosa Fernández Otero, explicou e animou a todos e todas as asistentes a visitar e aproveitar o contido da páxina web novaardentia.gal. Guiou ao público por este espazo onde calquera pode atopar moi facilmente as indicacións para colaborar, ou as revistas publicadas antes da que está a ser promocionada en cada momento. Rosa fixo fincapé na importancia das colaboracións de tantos autores e autoras. A web tamén contén un espazo onde promocionar os eventos que programamos así como as crónicas de como se van desenvolvendo.

O compañeiro Manuel Lara acompañounos tamén e fixo, coma todas as veces, unha valiosa reportaxe de fotografías, como as que ilustran esta crónica.

Moito agradecemos a todas as persoas que nos acompañaron, á veciñanza de Goián-Tomiño e arredores, o tempo que nos dedicaron para coñecer a Nova Ardentía, e en especial este número 16, que en honor a Luisa Villalta leva o título “Oficios de escuma”.

Tagged , , , ,