Novamente, a presentación da Nova Ardentía, esta vez no espazo cultural RioLagares, en Vigo, ratifícanos na idea de que os esforzos por recuperar e valorizar a cultura marítima e fluvial do país continúan a ser moi necesarios, e que o traballo dos últimos trinta anos neste ámbito teñen xerado un impacto positivo incontestable, malia que non debidamente recoñecido.
Neste encontro acompañáronos arredor de trinta participantes entre os que se atopaban colaboradores da revista, persoas implicadas nos colectivos de recuperación da navegación profesional, científicos e estudosos do mar e da cultura… veciñas, veciños, amigas, amigos e compañeiras que decidiron achegarse e emprestarnos hora e media do seu tempo para coñecer mellor a revista e reflexionar sobre a temática na que se centra.
En primeiro lugar, Antón Mascato fixo un percorrido pola traxectoria da publicación poñendo o acento no vínculo indisociable da revista coa Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar e cos encontros de navegación tradicional que veñen a celebrarse dende hai xa máis de trinta anos. Na súa intervención fixo fincapé na importancia que tiveron os esforzos de valorización deste patrimonio para mudar unha visión da historia de Galicia que poucas veces tiña o seu foco no mar.
A continuación, Emilio Xosé Ínsua, coordinador da redacción da publicación, destacou a importancia das moitas colaboracións individuais coas que este proxecto sae adiante e se consolida, cunha historia de xa vinte anos. Explicou que o título deste número 16, procede dun verso de Luisa Villalta e dende a portada foinos narrando a estrutura da revista e aspectos salientables sobre o contido. Dende as seccións fixas até as que de número a número van acrescentado este acervo tan variado de coñecemento arredor da cultura do mar. Esta idea constitúe un alicerce fundamental da revista, está presente na iniciativa dende os tempos nos que os seus primeiros impulsores e en particular Luis Rei a idearon e traballaron con intelixencia, visión de futuro e tesón para sacar adiante o proxecto.
Finalmente, Rosa Fernández Otero convidou aos asistentes a acompañala nun breve repaso polas seccións da páxina web novaardentia.gal para destacar que a través dela está accesible o contido de todos os números anteriores da revista, as indicacións para enviar colaboracións, as novas, os lugares onde a revista se pode mercar e mesmo a referencia dos espazos que achegan á sociedade a saber máis do mar e os ríos.
Como sempre acontece, após das presentacións viñeron as intervencións dos asistentes, que tanto agradecemos e sempre poñen luz e ofrecen ideas novas para guiar o camiño de todo o que aínda está por facer.
Só nos queda agradecer moi sinceramente a acollida aos responsables do RioLagares. A Xavier Queipo, que participou moi activamente no debate e fixo achegas de moito interese sobre necesidades arredor da lexicografía do mar, e a Çé Tomé que mantivo o espazo cultural en funcionamento mentres o acto da Nova Ardentía tiña lugar.