
Os vindeiros 2 e 3 de maio, a revista da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Nova Ardentía, estará presente nas xornadas “O mar en terra”, un evento organizado pola Asociación Veciñal Cultural Fonte Barreira que se celebrará en Terreboredo (Souto, A Estrada).
A presentación da revista Nova Ardentía abrirá unha programación de dúas xornadas, cun acto que contará coas intervencións de Emilio Ínsua, Rosa Fernández Otero e Antón Mascato, integrantes do consello de redacción.
Este encontro, que conta coa colaboración do Concello da Estrada e de Culturmar, ofrecerá un espazo cheo de cultura, música e literatura pois alén da presentación da nosa revista, o programa inclúe outras actividades moi interesantes de temática marítima e patrimonial, como as presentacións “O navegar da memoria: Os Galos de Bueu” e outra a cargo da Asociación Setefoghas de Rianxo, esta última abrindo a segunda das xornadas. Tamén se inclúen no programa as presentacións de libros como o álbum ilustrado Nao Cetácea de Xosé Iglesias; Plantas medicinais e remedios curativos da Etnobotánica galega con Rafa Quintía e Pilar Silva, e o traballo Do Campelo a Carreirón. Guía da toponimia da Illa de Arousa da especialista en talasonimia, gañadora do primeiro Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei, Helena Domínguez.
Será un pracer desfrutar desta nova ocasión para conectar terra e mar, mar e terra a través da cultura, do patrimonio e do bo facer de tanta boa xente. Para acceder a toda a información: DIPTICO DO MAR EN TERRA