Neste sábado día 9 de novembro teremos ocasión de presentar novamente Oficios de escuma, o número 16 da Nova Ardentía, e de facelo noutro lugar emblemático da cultura marítima do país, o Museo Meirande.
O acto, que terá formato de coloquio, prevé que as intervencións xiren arredor da revista da Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial e do recentemente restaurado e agora exposto nese museo, o bote Manuel.
O bote Manuel é unha embarcación tradicional da enseada de San Simón dos anos 30 do século pasado. Foi restaurado polo Obradoiro de Emprego e trasladado ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande (Meirande). Esta embarcación, cedida pola Asociación Lagoa dos Bébedos ao Concello de Redondela, abasteceu de víveres e roupa á illa de San Simón durante os anos que esta funcionou como prisión e orfanato. Xogou tamén un papel relevante na II Guerra Mundial ao rescatar refuxiados xudeus que chegaban a Vigo e colaborar en operacións de rescate en varios afundimentos.