
Fotografía de Manuel Lara, de esquerda a dereita aparecen na mesa, Rosa Fernández Otero, Eduardo Rivo, Antón Mascato, Julio Alcalde e Emilio X. Ínsua.
A tarde en Rianxo desenvolveuse no auditorio municipal, onde a vila natal de figuras senlleiras como Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio acolleu con afecto a varios dos membros do consello de redacción da revista Nova Ardentía. Coincidiron alí con diversas agrupacións de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que chegaban a este porto para participar na Inchadiña Branca Vela, un dos encontros de embarcacións tradicionais máis fermosos de cantos se celebran no país.
O acto foi conducido por Antón Mascato, quen convidou a Anxo Angueira, presidente da Fundación Casa de Rosalía, a explicar a orixe desta iniciativa, organizada pola Casa de Rosalía en colaboración coa AC Dorna da Illa de Arousa. Angueira relatou que a Inchadiña Branca Vela naceu hai doce anos, coincidindo co 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, como homenaxe a Rosalía de Castro. Inspiráronse nunha estampa poética e vital que evocan os versos rosalianos sobre a “inchadiña branca vela”, que tamén remiten ás lembranzas da navegación polo Ulla e polo Sar ata Padrón.
Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, voa!, voa!»
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, 1863.
Antón Mascato destacou a relevancia de Rianxo na historia de Culturmar. Nun momento crítico da federación, cando estivo a piques de desaparecer, foi precisamente en Rianxo onde se lle deu novo rumbo e pulo para rexurdir. Deu paso entón a Eduardo Rivo, presidente de Setefoghas, a asociación pola navegación tradicional da vila, creada a finais de 2025, ano dedicado a Castelao. O éxito da entidade é notable: en menos dun ano superaron os cen socios. Rivo subliñou o valor das iniciativas colectivas que nacen da suma de vontades individuais e que demostran unha capacidade organizativa que vai máis alá das estruturas institucionais. Considera que era unha anomalía que Rianxo non contase antes cunha agrupación deste tipo, dada a súa tradición mariñeira. Explicou que o nome Setefoghas procede dun antigo peirao próximo ao lugar do acto, e que podería estar a aludir ao que en latín sería centum focos, “cen fogares”, referindo un lugar moi poboado.
Antón Mascato falou tamén das orixes da Nova Ardentía, salientando que o proxecto mantén a esencia da orixinal Ardentía, patroneada por Luís Rei, quen faleceu no 2015. A revista actual é herdeira daquela, recolle o legado e o saber da precedente e no nome incorpora o “Nova” como normalmente se fai cos barcos.
Interveu a seguir Rosa Fernández Otero, que destacou a importancia das presentacións públicas da revista como espazos de contacto directo coa xente, que sempre amosa interese e agarimo e isto da afouteza para seguir vogando. Comenta que a revista é unha peza máis dese valioso esforzo colectivo pola recuperación do patrimonio marítimo e fluvial ao que antes se referira Eduardo. Falou da responsabilidade de manter o rumbo e facilitarllo a outros, de levar a Rosa dos ventos no corazón, que implica tamén abordar temas ás veces incómodos ou controvertidos. Citou exemplos de números anteriores e deste, mencionando as achegas de Xavier Queipo e Lorenzo Suárez que con miradas distintas sitúan as persoas lectoras na mirada dos observadores de pesca. Rosa reivindicou a labor destas persoas como pezas fundamentais para garantir unha pesca sostible, malia que ás veces sexan recibidos con certa desconfianza por algunha parte do sector pesqueiro.
Manuel Lara Coira centrou a súa intervención nos antecedentes, o proceso de traballo e os resultados do Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble, parte do Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA). A súa paixón polo patrimonio industrial e marítimo levouno a realizar un traballo inxente en organizacións como a Asociación BUXA, que preside, e a participar como experto no desenvolvemento do censo do PCUMA. Encargouse dos bens inmobles do Cantábrico galego, especialmente da Mariña de Lugo. Explicou que os criterios de selección se inspiraron na definición de patrimonio marítimo de Dionisio Pereira, prestando atención á relación dos inmobles cos oficios, as prácticas e os modos de vida das comunidades costeiras ao longo do tempo. Comentou que fixo a procura e comprobou que existen ata 38 elementos catalogados en Rianxo, destacando o número de areeiros. Animou á veciñanza a consultar o portal deste Censo, a difundir a información e colaborar na mellora do seu contido.
Emilio Ínsua fixo un repaso organizado do contido do número da revista, destacando a diversidade que a fai accesible a calquera persoa. Indicou que, nesta ocasión, identificou ata seis seccións nas que clasificar os contidos. A primeira dedicada á lembranza admirada e agradecida a Ivone Baptista Magalhaes, que lamentablemente nos deixou na primavera deste ano 2026, e ao seu irmán João. Ambos foron figuras fundamentais da Ardentía e a Nova Ardentía. Anunciou tamén o acto de homenaxe a Ivone previsto no Museu Marítimo de Esposende ao día seguinte, na localidade portuguesa do mesmo nome. As outras seccións abranguen historia, memoria, patrimonio, arte e literatura, e Emilio foi comentando practicamente todos os traballos incluídos nesta obra colectiva, neste “barco de papel” que é a Nova Ardentía.
Para pechar o acto, Emilio agradeceu ao Concello de Rianxo o apoio á revista e deu paso a Julio Alcalde, tenente de alcalde da vila, quen recoñeceu o labor da revista, de Setefoghas, de Culturmar e de todos os colectivos que participan na Inchadiña Branca Vela, con Rianxo como punto de partida.

